Ana Pontón insta a Xunta non "discriminar" entre estabelecementos hostaleiros

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón,durante a comparecencia. (Foto: Europa Press)
A líder da oposición e portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, compareceu esta mañá diante da prensa para pedir á poboación que afronte unha desescalada de modo seguro e mais para facerlle ao executivo de Núñez Feixoo dúas propostas de cara ao levantamento das restricións sanitarias coa fin do estado de alarma.

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, compareceu para a prensa coa obxectivo trasladarlle o seu “recoñecemento aos galegos e ás galegas, que tiveron un comportamento exemplar” acatando as restricións sanitarias derivadas da pandemia da Covid-19.

Ana Pontón referiuse ás “razoábeis cifras de contaxios” que permitiron que Galiza “sortease a cuarta vaga” do coronavirus máis pediulle á poboación responsabilidade para afrontar “unha desescalada segura e non botar pola borda o esforzo” realizado nos últimos meses.

A líder da oposición tamén advertiu que até o momento “80% da poboación non ten aínda a inmunización completa”.

En canto ao Goberno da Xunta, Ana Pontón dirixiuse a Alberto Núñez Feixoo para trasladarlle dúas propostas. A primeira delas en relación coa mobilidade a partir do levantamento das restricións.

Pontón pediulle ao executivo que se limite a mobilidade entre os concellos, de modo que sexa libre a circulación de persoas só entre os territorios cunha mesma incidencia de contaxios.

A portavoz nacional do BNG, tamén reclamou da Xunta que “elimine a discriminación entre distintos estabelecementos hostaleiros”.

Ana Pontón asegurou que desde a súa formación non se ve xustificación para que os negocios da hostalaría non teñan un mesmo horario “e poidan traballar con seguridade, xa que son eles e elas os máis interesadas” en que así sexa.