XUNTA DE PORTAVOCES

A primeira pergunta de Pontón a Feijóo no Parlamento será sobre as reválidas

Jorquera cederá a portavocía a Ana Pontón. Foto:Irene Pin

A política lingüística da Xunta e as axudas sociais ás vitimas da violencia machista, súmanse ás reválidas como principais preocupacións do Bloque. O Partido Socialista centra a atencion na Lei do solo, mentres que AGE reclamará explicacións polos retrasos no departamento oncolóxico do CHUS.

A xunta de voceiros celebrada na mañá da cuarta feira definiu os puntos do día da vindeira sesión parlamentaria. As diferentes agrupacións políticas mostraron as súas diferentes iniciativas e propostas. 

A reorganización do BNG no parlamento -apartir de agora Francisco Jorquera e Ana Pontón partillarán a portavocía- responde á necesidade lóxica de que quen será a nova candidata á Xunta sexa quen fiscalice Feijóo na sesión de control ao goberno. Na súa primeira intervención, Pontón defenderá a iniciativa do grupo parlamentar do partido de preguntarlle a Alberto Núñez Feijoo "Por que non escoita o clamor da comunidade galega en contra das reválidas". Na súa intervención de hoxe, Jorquera afirmou que a resposta galega ante elas foi unha "moción de censura ao modelo educativo da LOMCE. É preciso lembrar que Galiza foi unha das comunidades máis críticas co modelo das reválidas, chegando a cifras dun 80% de absentismo do alumnado.

Jorquera, ademais, recalcou na necesidade de modificar a Lei de Prevención da Loita de Xénero, que se ben supuxo un avance, precisa garantir axudas directas ás vítimas.

Na comparecencia de AGE, após da xunta, Eva Solla e Antón Sánchez anunciaron que denunciarán os retrasos no departamento oncolóxico do Hospital Clínico Universitario de Santiago, que afecta a persoas nun estado moi delicado e ante o cal deberá dar conta a Consellería de Sanidade. Por outra banda AGE presentará a consulta, esta mesma tarde, os acordos chegados coas confluenzas, debido ao seu compromiso de consultar coas bases todos os acordos políticos.

Pola súa parte o Partido Socialista centra a súa atención na Lei do Solo e presentará unha proposición de lei para que "se arranxen as dificultades xurídicas e as eivas nas tramitacións de licenzas" que veñen afectando primordialmente ás construccións en solo rústico. Asimesmo, Méndez Romeu aludiu ao "aburrimento do señor Feijoo tras sete anos na presidencia" e afirmou que se lle preguntará polo funcionamento do goberno galego.

Por último, o Partido Popular solicitou a comparecencia da Conselleira do Mar e do Conselleiro de Política Social, para informaren das Xornadas de encontro do sector pesqueiro e da axenda social respectivamente. Comparecencias que foron tachadas de propaganda electoral polos voceiros de AGE.