Ana Miranda visita as zonas afectadas pola DINA: "A neglixencia do PP debe ter como consecuencia a asunción de responsabilidades políticas"
Como parte dunha delegación do grupo Verdes-ALE do Parlamento Europeo, a eurodeputada do BNG visita esta semana zonas do País Valencià afectadas pola DINA.
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, criticou esta quinta feira en València a nefasta xestión da DINA que asolou a zona o pasado 29 de outubro por parte do Goberno do PP do País Valencià. Ao longo do percorrido realizado polas principais zonas afectadas, Miranda destacou que as 227 vítimas mortais desta catástrofe podían terse evitado se o PP non tivese unha actuación “tan neglixente”.
“Ao igual que o reclamamos nos casos do Prestige e do Alvia, a neglixencia na xestión debe ter como consecuencia a asunción de responsabilidades políticas”, subliñou a eurodeputada nacionalista, quen visitou as principais zonas afectadas pola DINA cunha delegación de representantes do grupo Verdes-ALE do Parlamento Europeo, convidados polo eurodeputado de Compromís e integrante do grupo, Vicent Marzá.
A delegación centrou na cuarta feira o seu percorrido principalmente na localidade de Catarroja e nos arrozais situados na contorna do porto da localidade de L'Albufera. Ademais, a xornada de traballo inclúe esta quinta feira unha reunión nas Corts Valencianas co grupo de Compromís, encabezado polo seu presidente Joan Baldovi, a quen lle trasladou a solidariedade e o apoio do BNG.
Fondos europeos
“Os fondos europeos Restore deben ser destinados a reconstruír vivendas e infraestruturas pero non para volver construír en zonas inundábeis”, destacou Ana Miranda, quen subliñou que é preciso un cambio de modelo que teña en conta o cambio climático e as súas consecuencias.
Segundo explicou a eurodeputada, os fondos europeos teñen que servir ademais para reconstruír vivendas e locais “e non para construír en zonas inundábeis e para favorecer as empresas amigas do PP”. “Por desgracia, o PP tennos acostumados a unha mala xestión e unha total falta de empatía e de humanidade en catástrofes como o Prestige e o Alvia”, denuncia MirandaBloque.