Ana Miranda celebra que o Parlamento europeo debata sobre a vaga de incendios

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda. (Foto: Nós Diario)

A eurodeputada do BNG urxe "unha política de cohesión forte e resiliente que centre os seus esforzos na reacción ante catástrofes".

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, valorou de maneira positiva que a Eurocámara debata a vindeira terza feira sobre a onda de incendios que afectou Galiza, tras a petición realizada polo seu grupo, Verdes-ALE.

Tal e como informou a formación nacionalista nun comunicado, Miranda denunciará na sesión plenaria a "opacidade e a falta de transparencia informativa" da Xunta da Galiza que "ocultou información crucial á poboación".

A eurodeputada do BNG, tal e como fixo esta cuarta feira na Comisión de Política de Cohesión, falará no próximo pleno das "carencias na falta de prevención dos incendios", cunha "xestión ineficaz" na xestión do persoal de extinción, ao "non usarse" todos os efectivos do dispositivo antiincendios.

Miranda subliñou que na provincia de Ourense, un dos territorios europeos con "maior declive demográfico", os incendios deixaron unha "verdadeira devastación que puido ser evitada".

"É necesaria unha política de cohesión forte e resiliente que centre os seus esforzos na reacción ante catástrofes, con recursos propios para a prevención. Non necesitamos recursos para a defensa, senón para facer a vida máis fácil á xente afectada polos incendios", sinalou Miranda.