Alcaldes contra a suba do canon de Sogama reuniranse coa Xunta a terza feira

[Imaxes PSdeG-PSOE]

Os representantes municipais do BNG, PSdeG-PSOE, CxG e Anova mantiveron un fechamento en San Caetano para forzaren unha reunión coa Xunta que terá lugar o 1 de abril ás 15.30h. 

 

Alcaldes críticos coa suba do canon de Sogama concentráronse esta quinta feira no interior do edificio da Xunta de Galiza en San Caetano.

Os rexedores do BNG, PSdeG-PSOE, CxG e Anova fecháronse nas dependencias de Presidencia para forzaren unha xuntanza con Alberto Núñez Feijóo após amosaren o seu rexeitamento á decisión "unilateral" de incrementar o prezo da xestión de residuos que desenvolve a planta de Cerceda. 

Embora non seren recibidos polo presidente da Xunta, os rexedores axendaron unha xuntanza co conselleiro de Medioambiente, Agustín Hernández, para a vindeira semana. 

Reuniranse co conselleiro o 1 de abril

En conversa con Sermos Galiza, Severino Rodríguez, alcalde de Monforte e un dos integrantes da delegación que foi recibida hoxe polo xefe de gabinete de alberto Núñez Feijóo asegurou que á xuntanza acudirán un alcalde de cada provincia e un representante da Fegamp. 

Severino Rodríguez: "Trasladaremos á Xunta o mesmo que vimos defendendo, un reparto equitativo da suba do canon"

Neste senso o propio Rodríguez asistirá en nome dos concellos de Lugo, Adolfo Muíños, rexedor de Rianxo representará A Coruña, acompañados da Tenencia de Alcaldía de Vigo e Marcos Blanco, alcalde de Ribadavia. 

Severino Rodríguez sinalou que trasladarán a Agustín Hernández "o mesmo que viñemos defendendo até o de agora" que é "un reparto equitativo" da suba do canon para que non recaia sobre os concellos o aumento do custe na súa totalidade. Aliás, indicou, "estamos dispostos a falar do plan de residuos" e de "todo o que sexa" para "defender o municipalismo", insistiu.