O alcalde de Verín podería afrontar 6 anos de prisión por prevaricación urbanística

Gerardo Seoane, alcalde de Verín. (Foto: Nós Diario)

Gerardo Seoane (PSdeG) comparecerá o 11 de setembro na Audiencia Provincial por un delito de prevaricación urbanística en concurso medial cun delito contra a ordenación do territorio.

O alcalde de Verín, Gerardo Seoane (PSdeG), podería afrontar 6 anos de cárcere (3 por delito de prevaricación e 3 por delito de ordenación) e a súa inhabilitación durante 12 anos por un delito de prevaricación urbanística en concurso medial cun delito contra a ordenación do territorio.

Seoane, que é, ademais, arquitecto de profesión, comparecerá o 11 de setembro na Audiencia Provincial de Ourense acusado por realizar obras sen a autorización da Consellaría de Cultura e sen licenza municipal na igrexa de San Bartolomé, incluída no PXOM e no Catálogo do Patrimonio Cultural da Galiza.

Segundo sinalou o escrito fiscal, o acusado "na súa condición de alcalde", procedeu á realización de obras en febreiro de 2019 na contorna de la igrexa de San Bartolomé, incluíndo traballos de demolición, levantado de formigón, escavación de gabias para a introdución de novas canalizacións de abastecemento de auga, saneamento e soterramento das redes de subministración eléctrica e iluminación pública e a execución dun novo muro que "non respecta a posición do orixinal".

O 20 de febreiro de 2019, un técnico do Servizo de Xestión Cultural da Xunta visitou as obras e emitiu un informe no que pedía ao Concello de Verín que paralizase preventivamente as mesmas por non contar co informe de Patrimonio ordenando, ademais, a presentación do proxecto.

A Consellaría de Cultura solicitou na altura á Unidade do Corpo Nacional de Policía de España adscrita á comunidade autónoma galega que enviase a Gerardo Seoane a notificación do informe, pero este negouse a asinala e continuou coas obras "a propósito da ilegalidade das mesmas".

Ademais dos 6 anos de prisión e da súa inhabilitación, Seoane podería, agora, enfrontarse a unha multa de seis euros diarios durante 18 meses.