O alcalde de Meaño volve ao PP, do que foi expulsado en 2019 por unha "falta moi grave de deslealdade"

Luísa Piñeiro, Carlos Viéitez e Luís López, esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)
Volven formar parte do PP todos os integrantes de Veciños de Meaño

O presidente do PP provincial de Pontevedra, Luis López, anunciou a volta ás filas da formación do alcalde de Meaño (O Salnés), Carlos Viéitez, e de todo o seu grupo de independentes (até o de agora baixo as siglas Veciños de Meaño). O obxectivo, remarcou, é "construír un proxecto máis forte e unido".

Viéitez fora expulsado polo PP de Pontevedra no ano 2019 por unha "falta moi grave de deslealdade" cara á formación despois de que os votos dos concelleiros populares do municipio no pleno local facilitasen que o PSOE asumise o control da Mancomunidade do Salnés.

Esta quinta feira, no medio da campaña para as eleccións galegas do 18 de febreiro, o PP de Pontevedra trasladou que Luis López ultimou o acordo para o regreso do rexedor nunha reunión decorrida con todos os e as integrantes desta formación independente e co concelleiro popular de Meaño, Suso Sueiro.

López mostrou a súa satisfacción "pola suma de esforzos e de persoas no Partido Popular como a gran casa común do centro-dereita".

Deste xeito, nos próximos días activaranse os formalismos e os procedementos regrados internos para confirmar a reintegración no PP. "Cando acaben esas cuestións administrativas empezaremos a funcionar como un grupo forte e maioritario en Meaño con nove dos 13 concelleiros da corporación municipal", subliñou.

López agradece a "xenerosidade"

Luis López quixo agradecer a xenerosidade de Carlos Viéitez e de todos os seus compañeiros, do edil Suso Sueiro, "que fixo un grandísimo traballo e que demostrou ser un home de partido e unha persoa que puxo Meaño por diante de todas as cousas", e da familia popular do Salnés.

"Todas as partes decidiron xuntar as súas sensibilidades e entenderon que o traballo conxunto e en común é moito máis produtivo para os meañeses e todos veciños da comarca", aseverou.