O alcalde de Barbadás avanza que non deixará a acta tras unha denuncia por acoso laboral e pide a dimisión de Besteiro

O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, esta terza feira 16 de decembro fronte á sede do PSdeG en Ourense. (Foto: Europa Press)
Xosé Carlos Valcárcel censurou que Besteiro exixa a dimisión sen darlle audiencia e cargou contra a súa xestión do caso do que era presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, por "actuar dous meses despois" de ter coñecemento dunha denuncia de acoso sexual.

O alcalde de Barbadás (comarca de Ourense), Xosé Carlos Valcárcel, avanzou que non deixará a acta e que continuará como rexedor fóra das siglas socialistas tras unha denuncia por acoso laboral. Ademais, pediu a dimisión do líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro.

Así o trasladou en declaracións aos medios de comunicación esta terza feira nos exteriores da sede socialista en Ourense, nas que informou de que xa solicitou a baixa da formación. Ademais, censurou que Besteiro exixa a dimisión sen darlle audiencia e cargou contra a súa xestión do caso do que era presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, por "actuar dous meses despois" de ter coñecemento dunha denuncia de acoso sexual. "Ante a neglixencia, dimisión", engadiu.