Alba Torreiro, candidata a coordinadora de Esquerda Unida: "Hai que saír desta asemblea cun proxecto para a Galiza"
—Por que esta candidatura á Asemblea de Esquerda Unida?
Pensamos que necesitabamos achegar a Esquerda Unida novos perfís, que vimos con forza, ilusión e enerxías renovadas, que estamos activamente participando no municipalismo e que nos parece que tamén podes achegar a nivel nacional. Evidentemente, coa experiencia e saber facer doas nosas compañeiras e compañeiros que xa están traballando no institucional e tamén nos órganos a nivel nacional de EU.
—Cal son as propostas claves desta candidatura?
Para nós EU, no futuro próximo, debe de redondear o proxecto que temos para a Galiza. Isto debe de facerse nun proceso participativa e horizontal en que calquera persoas afiliada poida achegar o seu punto de vista, de maneira que poidamos construír ese proxecto para a Galiza desde as bases de Esquerda Unida.
—Que se vai decidir nesta asemblea, cal é a súa importancia?
Chegamos aquí despois de todo un proceso, de debate e de emendas. Esta fin de semana, na asemblea, saberemos que candidatura e que documento vai ser o que marque os vindeiros anos. O coordinador ou nacional que elixamos será a que guíe a nova etapa. Temos que saír deste proceso interno con ilusión e con ganas de participar nun proxecto para a Galiza totalmente necesario.
—Que papel considerades que debe de ter EU en procesos de confluencia con outras forzas, nomeadamente Sumar?
Para nós falar con outras forzas políticas sempre é enriquecedor e poden facer máis fortes as propostas para cambiar a vida da xente, para ampliar a participación. No noso caso, a nosa opinión é que chegado o momento falaremos con quen haxa que falar e onde haxa que facelo, iso si, sempre partindo dese proxecto para a Galiza que temos e que estamos construíndo desde as bases. E tamén partindo da decisión que se tome en EU a respecto desas confluencias.
—Que propostas considerades que EU pode facer de cara á sociedade galega?
O importante é remarcar que EU ademais de ser un partido político é un movemento social. Moitas de nós participamos en militancia activa en Esquerda Unida e tamén en movementos sociais, e de aí parte a base da nosa política. Por iso estamos no movemento contra Altri ou no que hai en torno á crise da vivenda, entre outros. Toda esa experiencia tamén queremos levala ás institucións para mudar a vida da xente e tomar decisións con criterio.
—Cal é a situación actual que vive a organización na Galiza?
Non é ningún segredo que levamos un período máis baixo, as últimas eleccións non foron de todo exitosas. Temos que rexurdir, fortalecer a organización e ilusionar a xente.