Rego: “A autorganización é a única garantía de decidirmos en función dos intereses como nación”
Ferrol acolleu na tarde da segunda feira, 12 de agosto, o acto político máis numeroso dos que se convocaron para homenaxear Moncho Reboiras cando se fan 44 anos do seu asasinato. A Unión do Povo Galego (UPG) organizou a xornada “non como un acto de nostalxia, senón de xustiza e de fondo sentido político”, en palabras do secretario xeral deste partido, Néstor Rego.
“Render tributo a Reboiras é exaltar o espírito de rebeldía fronte á opresión e a inxustiza, valorizar o compromiso militante, tomar exemplo da entrega xenerosa á causa da liberdade do noso pobo”, engadía o secretario xeral da UPG, que lembrou o papel “crucial” de Reboiras na creación dun sindicalismo de clase nacionalista. “Estaría hoxe orgulloso de ver como a CIG é a primeira central sindical do noso país na rúa e tamén nas urnas” e “estaría orgulloso de comprobar como o BNG non claudicou nin se deixou engaiolar por cantos de serea que terían levado á desaparición práctica do nacionalismo político na Galiza”.
No seu discurso, Rego insistiu na autoorganización como pedra angular do nacionalismo galego, “a autorganización foi, é e será sempre a única garantía de podermos decidir, de maneira libre, en función dos propios intereses como nación”. “Onde hai organizacións políticas e sociais propias, onde está o nacionalismo, está a Galiza e están presentes os seus intereses”, afirmou o secretario xeral da UPG.
Fronte á autoorganización situou “o vello e o novo sucursalismo da dereita ou da chamada esquerda española”, dos que, dixo, “tiveron idéntico comportamento”. Así, lamentou a ausencia da Galiza no debate político do Estado no proceso de investidura, e amosouse crítico cos últimos orzamentos, “os peores para a Galiza en 17 anos, coa conivencia de Unidas-Podemos”.
A continuación, Rego criticou o “bipartidismo que sustenta o réxime constitucional español”, tanto o Goberno de Feixoo, do PP, a quen acusou de “como bon colonizado, ser obediente executor de políticas que prexudican gravemente os nosos intereses”, como o de Sánchez, do PSOE, que “desatende os problemas e necesidades da Galiza”.
A “nova política”
Rego debuxou, a continuación, unha radiografía da “nova política” en relación a Galiza, coa que desenvolveu, salientou, “un papel negativo”, especialmente “polo que supuxo de engano e fraude política” e polo “reforzamento da españolización e enfraquecemento dunha dinámica política propiamente galega”. Neste sentido, puxo de manifesto que “a nova versión da esquerda española” foi quen de conseguir “un importante apoio electoral, mermando o do nacionalismo”. A “retórica anti-sistema non casaba coa práctica política”, denunciou o secretario xeral da UPG, quen se referiu á “falta de consistencia política, ideolóxica e organizativa” deses sectores.
“Fronte a iso, foi a firmeza política e ideolóxica, a perseveranza nos principios e no criterio de autoorganización e a capacidade organizativa e mobilizadora o que fixo que o nacionalismo fose capaz de reconquistar terreo e hoxe se ache nun proceso claro de recuperación de apoios”, apuntou. A chave para o avance situouna en evidenciar que a dependencia política “é un mal negocio para o pobo galego” e que o modelo autonómico “non serve para dar solución aos nosos problemas”. Apelou a defender a soberanía nacional e o proceso de autodeterminación nacional con “intelixencia e pedagoxía política, mais tamén con firmeza e con decisión”.
“O tempo veu constatar que as nosas análises eran e continúan a ser acertadas. Ou hai autoorganización ou hai sucursalismo, que só reforza a españolización da Galiza. E o traballo realizado con coherencia e confianza no noso povo acaba por dar resultados”, subliñou Rego, que chamou a fomentar “o orgullo e a autoestima colectiva, creando conciencia social e nacional e mantendo sempre os elementos centrais do proxecto político do nacionalismo galego”.
Reboiras como “referente absoluto”
Ademais, interveu Mercedes Tobío, responsábel comarcal do BNG, quen tirou de metáfora sanitaria para diagnosticar e tratar os problemas que padece Ferrolterra e que son compartidos con toda Galiza. Denunciou a deslocalización de empresas, "que se permite legal e politicamente"; os "modelos empresariais non vinculados ao país e ás súas necesidades reais" e "o saqueo dos nosos recursos" e carg
Presentación do filme sobre Reboiras
Antes das intervencións políticas, tomou a palabra Alberte Mera, director do filme Moncho Reboiras. Acción e corazón, producido pola Fundación Terra e Tempo, para presentar o proxecto e para lle agradecer á UPG “o interese polo filme, que chega 44 anos após o asasinato de Reboiras, o que indica que non vivimos nun país normal”.