A militancia do PSOE non quere a Rubalcaba

Alfedo Pérez Rubalcaba. Imaxe: PSOE
Nun inquérito realizado ás bases do PSOE, valoran negativamente a boa parte da actual Executiva Federal e apostan por mudar o candidato para as vindeiras eleccións.

A través dunha enquisa realizada a 1162 militantes sen responsabilidade orgánica, o PSOE quixo medir a opinión das súas bases a respecto das principais figuras do partido, así como do seu secretario xeral e presidente do grupo parlamentar, Alfredo Pérez Rubalcaba. Os resultados tirados do inquérito amosan unha importante desafección da militancia cara os seus líderes e mesmo apostan por mudar de candidato para as vindeiras eleccións ao Parlamento español.

Pérez Rubalcaba, cuxa xestión é valorada como 'mala' –ao igual que a desenvolvida por boa parte das figuras máis salientábeis do PSOE--, conta coa desafección das súas bases que consideran un erro a súa elección como secretario xeral d@s socialistas. Tamén así, as persoas enquisadas valoran negativamente o proceso polo que saíu elixido, do que din, careceu de transparencia.

Máis democracia e mellores posicionamentos ideolóxicos
Aliás, as bases seguen a demandar maior democracia interna –o 40% das persoas enquisadas cre que o PSOE padece dun 'moi malo' funcionamento democrático-- e exixen un mellor posicionamento ideolóxico, pois consideran 'mala' ou 'moi mala' na súa maioría, as labores de oposición exercidas após as eleccións o pasado 20 de novembro. Os posicionamentos defendidos até o de agora en materia educativa, medio ambiente participación cidadá, sanidade ou economía social non callan entre a militancia.

As bases non queren a Rubalcaba
As persoas enquisadas, que criticaron con dureza ao secretario xeral do PSOE ao longo de todas as preguntas, non o apoiarían nun eventual proceso de primarias, porén a que fora candidata no Congreso de Sevilla desenvolvido o pasado ano, Carme Chacón, contaría co 20% dos apoios, fronte ao 4% de Rubalcaba. No entanto, a maior parte da militancia socialista optaría por un cambio maior e apoiaría a Eduardo Madina, actual secretario xeral do grupo socialista no Congreso d@s deputad@s.