365: Os días que a TVG leva sen entrevistar Ana Pontón, denuncia o BNG
O BNG critica que os medios públicos leven un ano sen entrevistar a súa portavoz nacional e líder da oposición na Galiza. A última entrevista, din, foi hai 365 días e por obriga legal ao ser campaña electoral. Ademais, a CRTVG non entrevistou aínda a alcaldesa da capital da Galiza, Goretti Sanmartín, tamén do BNG, a pesar de facer dous anos na Alcaldía de Compostela.
O BNG publicou ao longo da semana nas súas redes sociais unha serie de imaxes cuns números, sen explicar nada máis ao respecto. 361, 362, 363, 364... até esta mesma sexta feira, cando xunto ao 365 veu a explicación desta misteriosa campaña.
Os 365 son os días que pasaron desde que Ana Pontón, a portavoz nacional do BNG e líder da oposición no Parlamento galego, foi entrevistada na TVG. “Esta é a última entrevista que lle fixeron a Ana Pontón na TVG”, explican desde a formación, que acompaña a publicación en redes sociais dun fragmento dunha entrevista emitida durante a campaña das eleccións galegas de 2024.
Desde entón, afirman desde o BNG, non houbo máis entrevistas a Pontón na TVG, a pesar de que a comezos do pasado mes de decembro foi reelixida portavoz da formación nunha Asemblea Nacional. “Xa abonda de manipulación e uso partidista dos medios públicos galegos por parte do PP”.
Mais o caso de Ana Pontón non é, quizais, o máis rechamante . Tampouco Goretti Sanmartín, tamén militante do BNG e alcaldesa da capital da Galiza, foi entrevistada nos medios públicos galegos desde que en maio de 2023 alcanzou a Alcaldía de Santiago de Compostela.
Por uns "medios plurais"
Así, a denuncia da “censura” de Ana Pontón na televisión pública da Galiza vén acompañada pola demanda duns “medios públicos plurais e ao servizo das galegas e galegos, non do PP”.
Chega tamén no marco das protestas que protagonizaron nos últimos meses as traballadoras e traballadores da CRTVG para denunciar a privatización da compañía e para “tentar frear o proxecto de Lei de medios públicos”, aprobado en solitario polo PP no Parlamento galego e que rexeitan tanto a oposición, como a representación do persoal da CRTVG, os sindicatos, as entidades de defensa do galego ou asociacións de xornalistas, entre outros. E rexéitano porque afirman, precisamente, que “blinda” e “reforza” o control Executivo galego sobre os medios públicos, alén de abrir a porta a que o español se asente neles.