27 millóns de euros para dotar de uso turístico os BIC

Alfonso Rueda (centro) durante o Consello da Xunta que decorreu onte. (Foto: David Cabezón / Xunta da Galiza)
Alfonso Rueda presidiu un Consello da Xunta no que afondaron na necesidade de incluír facetas turísticas nos bens culturais, así como no impulso á capacitación tecnolóxica básica da poboación galega.

Con Alberto Núñez Feixoo, presidente da Galiza, ausente do Consello da Xunta de onte, o Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, presidiu a xuntanza e ofreceu unha rolda de prensa ao rematar na que os termos chave foron “facer balance”, expresión repetida até a saciedade por Rueda.

A falta do mandatario, que estivo a cuarta feira en Madrid e tiña previsto asistir a sexta feira á Conferencia de presidentes territoriais prevista na illa canaria da Palma, foi xustificada por Rueda pola súa participación neste último acto, finalmente suspendido por mor da situación bélica en Ucraína.

Entre as medidas que foron abordadas polo Consello, o vicepresidente salientou o impulso ao plan de mellora dos usos mixtos do patrimonio cultural, enfocado na “viabilidade turística dos bens culturais”, e como parte do plan Xacobeo Next Generation.

Para dotar de uso turístico a 12 bens de interese cultural (BIC) investiranse 27 millóns de euros procedentes dunha convocatoria estatal dedicada á investimentos vencellados co Xacobeo, da que a Galiza absorbe o 40% dos fondos repartidos en todos os territorios, incidiu Rueda.

Esta “faceta turística” tradúcese en obras de accesibilidade ou eficiencia enerxética entre este ano e os dous posteriores na fortaleza de Monterrei, no arquipélago de Ons (Bueu), no parque do Pasatempo (Betanzos), na Ribeira Sacra, na ribeira do Lérez (Pontevedra), na Torre de Hércules (A Coruña), no arquipélago de Sálvora (Ribeira), na casa-museo Valle Inclán (Vilanova de Arousa), no Cárcere Vello de Tui, nas Torres do Oeste de Catoira, no conxunto histórico de Mondoñedo e no Castelo de Santa Cruz da Guarda.

Ao tempo, o vicepresidente do Executivo referiuse aos cambios de criterio na convocatoria estatal, cuestionando que á última hora se excluíra os BIC da Igrexa, a propietaria da “inmensa maioría” deles.

Capacitación tecnolóxica

Na súa intervención, Rueda tamén fixo fincapé no investimento de 27 millóns de euros até 2025 na Axencia para a Modernización Tecnolóxica da Galiza (Amtega), que procura que nese ano o 70% da poboación galega conte cunhas competencias básicas a nivel dixital, unha cifra que agora  supera lixeiramente o 50%.

No que atinxe ao solo empresarial, anunciou que en 2022 se ofrecerán 1,36 millóns de metros cadrados, subliñando que por primeira vez permitirán que as empresas teñan que pagar só o 20% do valor do terreo nun comezo, e o 80% restante en oito anos.

Asemade, fixo pública a declaración de proxecto como iniciativa empresarial prioritaria a unha nova planta de Fornos de Lamastelle, en Carballo, destacando que isto permite reducir “á metade todos os prazos de tramitación”, e sen mencionar que isto non é aplicábel aos trámites medioambientais.

De feito, a Xustiza anulou un dos proxectos aos que a Xunta outorgou este recoñecemento por aplicalo a estes trámites, a repotenciación do parque eólico do Roncudo, en Ponteceso.