"20,3 millóns en feiras e eventos fronte a 2,7 en investigación": o BNG acusa a Xunta de "inacción" na recuperación das rías
A responsábel de Mar do BNG, Rosana Pérez, acusou a Xunta da Galiza de "inacción" na recuperación das rías "malia contar con datos e estudos sobre a súa degradación". A deputada, mediante unha interpelación no pleno da Cámara ao conselleiro do Mar, Alfonso Vilares, exixiu que o Goberno galego orzamente e execute "sen máis dilación" un plan plurianual de medidas que permita a recuperación e rexeneración das rías galegas e artellar mecanismos de resposta ante o impacto do cambio climático no sector pesqueiro, marisqueiro e mexilloeiro.
A deputada nacionalista puxo en evidencia as "contradicións" do Executivo galego despois de que a directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño da Galiza (Intecmar), Covadonga Salgado, recoñecese na súa comparecencia na Comisión de Pesca o pasado 1 de abril que a Xunta vén medindo as variábeis ambientais para un mellor coñecemento da franxa costeira desde hai máis de 30 anos.
"Se é certo que a Xunta leva máis de 30 anos tomando datos ambientais e investigando por que non se está actuando? Por que non se coñecen os estudos e por que non se aplican para tomar decisións políticas eficaces?", recriminou, engadindo que que unha autoridade falte conscientemente ao seu deber, politicamente é unha "irresponsabilidade política cando menos" , mais que xuridicamente "chámase doutra maneira e pode chegar a ser delito", insinuou.
Durante a súa intervención, Pérez acusou o Goberno galego de ocultar información e non utilizar os recursos científicos dispoñíbeis para reverter a perda de produtividade das rías. "Levamos anos pedindo estudos sobre o que está a acontecer nas nosas rías. Agora resulta que a ría de Arousa é a máis estudada do mundo… e ninguén no sector o sabía", ironizou.
"Non estamos dicindo que non haxa que seguir investigando", aclarou, mais matizou que, xa que existen desde hai máis de 15 anos o Observatorio Costeiro, que mide a salinidade, temperatura ou PH da auga, dúas estacións de seguimento na Arousa e outra en Cortegada, na desembocadura do río Ulla, onde se rexistran datos de temperatura e de salinidade desde o 2007, "por que non están ao servizo da recuperación das rías e do potenciamento do sector?", preguntou.
"20,3 millóns en feiras e eventos fronte a 2,7 en investigación"
Pérez criticou que o Goberno do PP priorice o gasto en promoción e eventos fronte á investigación e recuperación do medio mariño. Como exemplo, criticou que no orzamento de 2025 se destinen 20,3 millóns de euros a feiras e eventos para promocionar produtos, "na súa maioría foráneos", ou 4,6 millóns a acudir con expositor propio a unha feira de turismo gastronómico, mentres só dedican 2,7 millóns á investigación para recuperar zonas produtivas.
Na súa réplica, Rosana Pérez, díxolle ao conselleiro, despois de que este "esquivase" as preguntas da deputada nacionalista, que "se confundira de comparecencia" porque se dedicou a debullar os orzamentos da Consellaría para este ano, recoñecendo que se destinan 11,7 millóns de euros ao programa de ensinanzas pesqueiras ou 17,7 a infraestruturas portuarias, "o lugar de traballo dos profesionais", mentres se dedican 20,3 a promoción de eventos. "Esa é a diferencia do modelo que vostedes propoñen e o que propoñemos nós", recalcou.
Acusouno de ser "responsábel directo" de que en 2024 "desaparecesen da faz do mar case 1.000 traballadores e traballadores do mar galego e 222 mariscadores e mariscadoras", reincidindo na cuestión: "Queda confirmado por vostede que existen os estudos. Por que durante todos estes anos, mentres o propio sector e o BNG lle pedimos eses estudos, non os poñen enriba da mesa, para que están servindo, téñenos nun caixón? E por que non se están orzamentando cantidades que se correspondan cos estudos que existen para recuperar a produtividade das rías galegas?", rematou.
Os informes de Altri
A nacionalista cargou tamén contra o informe "especialmente vergoñoso" da Dirección Xeral de Pesca que descarta danos para o marisqueo por situarse a 70 quilómetros da fábrica de Altri. Así, cuestionou que se fixese unha análise ambiental real sobre os danos para o sector pesqueiro desta "macrocelulosa" no río Ulla.
"Se a Consellaría informa favorabelmente porque o di a empresa, para que nos serve a Consellaría?", cuestionou. "Ou é que son o mesmo a Consellaría e a empresa?", preguntou Pérez. En cambio, Vilares remarcou que o informe apunta a que "non parecen previsíbeis" danos no sector, á vez que lembrou que se puxeron condicionantes á compañía para "minimizar" impactos na contorna.