Un concello catalán declara El-Rei persoa non grata

Monumento orixinal da República (Barcelona)
As mostras antimonárquicas son cada vez máis visíbeis en Catalunya. Se hai un ano foran as queimas públicas de fotografías de El-Rei agora son as mesmas institucións e colectivos sociais os que demandan a desaparición dos seus privilexios.

O concello de Berga (Barcelona) declarou o Rei Juan Carlos I persoa non grata . No pleno municipal celebrado hai uns días acordouse, tamén, revogar o título de Fillo Adoptivo e a Medalla de Ouro da Cidade que tiña o ditador Francisco Franco. A proposta partiu da Candidatura d’Unitat Popular (CUP) e contou cos votos en contra do PP e coa abstención de CiU e PSC. Nela arguméntase que o Rei “non ten este título como resultado dun proceso democrático (...) senón como consecuencia da herdanza ditada polo seu antecesor Francisco Franco”. Aliás, sinalan que o Rei “lonxe de encabezar un proceso democrático para recompensar os agravios e crimes cometidos pola ditadura fascista do seu mentor, o reinado de Juan Carlos de Borbón caracterizouse pola absolución política e penal dos criminais franquistas”.

Intelectuais e polític@s cataláns pediron ao concello de Barcelona que mude o nome dunha céntrica praza.

Praza da República catalá
Hai uns días, segundo publica o xornal Nació Digital, intelectuais e polític@s cataláns pediron por carta ao concello de Barcelona mudar o nome dunha das céntricas prazas da cidade que agora se chama Joan Carles I. As persoas asinantes, entre elas a decana da Facultade de Economía da UB, Elisenda Paluzié, os escritores Matthew Tree e Víctor Alexandre, ou os políticos Alfred Bosch ou Joan Tardà, remitiron a petición ao actual alcalde da cidade, Xavier Trias. Ademais solicitan a restitución da estatua orixinal da República no seu lugar e que leve o nome de Praza da República catalá.  Este nome, apuntan na carta, é a "máxima expresión de soberanía e democracia que fixo a nosa Nación desde 1714".