A PABLO IGLESIAS COMPLíCASELLE A ESTRATEXIA

Més per Mallorca decide en referendo non ir ás xerais con Podemos

Pablo Iglesias

A Podemos complícanselle as candidaturas ás xerais nos Països Catalans. A asemblea dos nacionalistas de esquerdas Més per Mallorca vén de decidir en referendo non concorrer ás eleccións coa formación de Pablo Iglesias. Compromís tamén se inclina polo “non”.

Cun 95,5% dos votos, as persoas que forman parte da asemblea de Més per Mallorca decidiron concorrer ás eleccións xerais sen Podemos e farano con formacións próximas de Eivissa e Fomentera. E é que o obxectivo da formación pasa por “conseguir unha voz propia no Congreso que represente realmente os cidadáns das Illes Balears en Madrid”.

A decisión da asemblea Més per Mallorca trae causa da negativa do partido de Pablo Iglesias a aceptar as condicións estabelecidas pola formación nacionalista.

Todo apunta a que Compromís non concorrerá con Podemos ás eleccións xerais

Esta terza feira, Compromís decidirá se concorre ou non en coalición con Podemos ás xerais. Mais todo apunta a que non se presentará co partido de Pablo Iglesias, pois o Bloc, a forza de máis peso dentro de Compromís, inclínase polo non.

O fracaso de Catalunya Si que es Pot, provocado polo personalismo de Pablo Iglesias e de Íñigo Errejón na campaña catalá e polo escaso catalanismo da candidatura, segue vivo e segue a ter consecuencias negativas para Podemos.

O irrenunciábel grupo parlamentar propio de Barcelona En Comú, outro prexuízo para Podemos

A decisión de Barcelona En Comú de concorrer as eleccións xerais cunha candidatura catalá na que sería condición indispensábel a formación dun grupo parlamentar propio enlea máis a situación de Podemos. O artigo 23.2 do regulamento do Congreso é claro ao respecto: “En ningún caso poden constituír Grupo Parlamentar separado Deputados que pertenzan a un mesmo partido. Tampouco poderán formar Grupo Parlamentar separado os Deputados que, ao tempo das eleccións, pertenceran a formacións políticas que non se enfrontaran ante o electorado”. Así, segundo o regulamento, os candidatos e candidatas deberían estar desvinculados de partidos de ámbito estatal, como é Podemos.

Catalunya Si que Es Pot non conseguiu superar o 15% dos votos que se precisarían para formar grupo parlamentar

Ademais, o artigo 23.1 do regulamento tamén sinala que “Os Deputados, en número non inferior a quince, poderán constituírse en Grupo Parlamentar. Poderán tamén constituírse en Grupo Parlamentar os Deputados dunha ou varias formacións políticas que, aínda sen reunir o citado número, obtiveran un número de escanos non inferior a cinco e, cando menos, o 15% dos votos correspondentes ás circunscricións nas que presentaran candidatura ou o 5% dos emitidos no conxunto da nación”. Cómpre lembrar que Catalunya Si que es Pot non conseguiu superar o 15% do apoio en ningunha das catro provincias o 27-S.