SINALA QUE ESTARá ATENTO A QUE SE CUMPRA O ACORDO

Mas: “Cheguei á conclusión de que formaba parte do problema e tiña que apartarme”

O president en funcións, Artur Mas, valorou na mañá do domingo o acordo ao que chegaron Junts pel Si e a CUP para investir Carles Puigdemont novo president da Generalitat. Afirmou que renunciou á Presidencia “porque cheguei á conclusión de que formaba parte do problema”.

En declaracións aos medios na mañá do domingo, no transcurso do Consello Nacional de CDC en Bellaterra, Mas sinalou que “nestas últimas horas cheguei á conclusión de que, sexa xusto ou non, eu formaba más parte do problema que da solución. Non porque pense que restaba no proxecto, mais si había outra xente que non o vía igual (…) Debía ter a lucidez e a conciencia ampla do que se xogaba o país (…). Tiña que apartarme de maneira digna”.

Mas insistiu en que seguiría a traballar polo proces soberanista e destacou que será un dos primeiros en velar por que o acordo entre Junts pel Si e a CUP se cumpra. “A estabilidade é unha condición si ne qua non. E se alguén non a cumpre, estaremos para o denunciar. Confío en que se cumprirá. Os acordos están para se cumprir”, afirmou.

Sobre Puigdemont, agradeceulle que aceptara de inmediato o convite, “tivo a coraxe de dicir que si, sendo lexítimo que dixese que non. Eu non contaba con deixar de ser president deste xeito e decidín facelo en horas. E el en minutos tomou a decisión”.

En relación ao escenario estatal, Mas pediulles calma aos políticos españois, “que están nerviosos”. “Temos unha idea clara: non queremos outro goberno do PP en Madrid”. “A tensión e a falta de diálogo que provoca o PP non convén nin no Estado español nin en Catalunya”, engadiu.