O si á independencia gañaría o referendo en Catalunya, segundo un inquérito da Generalitat

independencia

Por vez primeira, a Administración catalá pergunta sobre o referendo do 9 de Novembro. O Si-Si (si a un Estado propio, si a que sexa independente) gañaría comodamente a consulta

 

A causa independentista parte como favorita no referendo do 9 de Novembro se nos atermos aos dados publicados hoxe polo CEO, Centro d'Estudis d'Opinió da Generalitat de Catalunya.

Cumpre lembrar que a consulta ten dous chanzos: unha primeira pergunta sobre se Catalunya debe tornarse nun Estado e unha segunda, para os que contesten afirmativamente a primeira, sobre se ese Estado debe ou non ser independente.

A primeira pergunta sería contestada afirmativamente polo 57,6 das catalás e dos cataláns e negativamente por apenas o 19,3%.

A opción por unha Catalunya independente estaría neste momento no 47% do censo

Chama moito a atención o baixo índice de indecisión que hai neste momento no eleitorado catalán: só 1 de cada 10 persoas inquiridas di non ter claro que votar na consulta. Só un 11% afirman que non votarían, o que permite extraer a conclusión de que a participación sería masiva.

Na segunda pergunta ("quer vosté que ese Estado sexa independente?), a opción independentista arrasaría literalmente. Os Si a esta pergunta estarían no 81,8%, en tanto que o Non ficaría no 8,6%.

Se consideramos o total do censo (isto é, as persoas que votan e aquelas que se absteñen), a opción por unha Catalunya independente estaría neste momento no 47%. Se só estimamos o voto emitido, o que é o lóxico en calquer elección ou consulta, a percentaxe de apoio á independencia subiría ao 61,1%. A prol de se tornar Catalunya un Estado, loxicamente, a percentaxe é superior: o 74,9% dos votos.

CiU supera por vez primeira en moitos meses a ERC. Porén, baixaría 14 escanos

Cambio de tendencia: CiU supera a ERC

O CEO perguntou tamén pola intención de voto perante unhas hipotéticas eleccións ao Parlament e aquí é posíbel advertir un certo cambio de tendencia, talvez debido a que Artur Mas está a rentabilizar o seu protagonismo como líder dun goberno catalán que por vez primeira na historia promove un proceso autodeterminista.

CiU supera por vez primeira en moitos meses a ERC. Porén, baixaría 14 escanos. A coligación de centrodereita nacionalista tería entre 35 e 36, mentres que ERC estaría só un por detrás, entre 34-35. A terceira posición estaría en disputa entre PSC, CV-EUiA e Ciutadans, cunha perspectiva de 14-15 escanos. A CUP medraría (entre 7 e 9) eo PP baixaría até o 11-12.