Histórica maioría absoluta do bloco independentista en Catalunya
[ACTUALIZADA ÁS 00.33]. A República de Catalunya está máis perto. O bloco independentista (a suma Junts pel Sí e a CUP) obtivo este 27 de setembro, e folgadamente, a maioría absoluta de escanos no Parlament, ao conseguir 72 asentos (62 e 10, respectivamente). Ciutadans fíxose coa segunda praza, con 25 escanos. Os grandes derrotados foron o PP e Catalunya si que es Pot (a suma de Podemos e Iniciativa per Catalunya).
Por vez primeira o nacionalismo maioritario (o que representou CiU) comparecía nunhas eleccións ao Parlament catalán cun discurso e unha proposta inequivocamente independentista. Facíao en coligazón con ERC e coas entidades soberanistas, a ANC e Ómnium Cultural. O resultado de Junts pel Sí superou todas as espectativas, ao conseguir por si soa 62 escanos, só 6 por debaixo do limiar da maioría absoluta.
Mais os resultados converten a Candidatura d'Unitat Popular (CUP) no novo actor chave da política catalá. Non só completa a maioría absoluta independentista coas súas 10 actas (7 máis das obtidas en 2012), senón que ten virtualmente a chave da presidencia da Generalitat nas súas mans. Será a CUP quen decida que candidato de Junts pel Sí pode obter a maioría de votos para ser investido.
O PP asina un resultado catastrófico e confirma que en Catalunya é un partido marxinal. Obtén 11 escanos, 8 menos que en 2012.
Co 98,72% escrutado, o reparto de escanos neste momento é como segue:
Junts pel Sí: 62 (39,65% votos)
Ciutadans: 25 (17,90%)
PSC: 16 (12,67%)
Catalunya si que es pot: 11 (8,90%)
PP: 11 (8,48%)
CUP: 10 (8,21%)
Fonte: Generalitat de Catalunya.