A CUP saúda os resultados de Os pobos deciden e Podemos nas europeas

Nun comunicado a formación da esquerda independentista catalá valora "positivamente" o "bon resultado" da coligación integrada por EH Bildu e BNG ao tempo que coida "esperanzador" o apoio recibido no Estado español por Podemos. 

 

A CUP emitiu esta terza feira (27 de maio) un comunicado de valoración dos resultados deitados polos comicios europeos do pasado domingo. Para a formación independentista --que decidiu non concorrer ao proceso electoral-- o "bon resultado" colleitado pola coligación Os pobos deciden há ser analizado "positivamente". 

Neste senso, a CUP lembra que a decisión adoptada polas súas bases promovía a abstención ou ben votar por aquelas opcións que se posicionaren "a favor da independencia dos pobos e en contra da UE dos estados e do capital".

Neste senso, coidan que os perto de 300.000 votos obtidos por Os pobos deciden --que finalmente resultarán nun escano no Parlamento Europeo-- supoñen un "bon resultado" mais, acrecentan, tamén resultan "esperanzadores" os apoios colleitados no Estado español pola "candidatura con elementos anticapitalistas Podemos" que aliás, sinalan, "incluía entre os seus postulados o dereito ao exercicio de autodeterminación de todos os pobos de Europa". 

Segundo a CUP os resultados das eleccións europeas reflicten "o rexeitamento ás políticas antisociais impostas pola UE" e o aumento do apoio social ao dereito a decidir dos pobos.