CDC, ERC e CUP apoian unha candidatura independentista da sociedade civil para o 27S

Manifestación pola independencia en Catalunya

A CUP pon como condición que xusto após eses comicios se convoquen eleccións constituíntes.

Os tres partidos independentistas do Parlament de Catalunya, CDC, ERC e CUP, dan apoio á proposta dunha candidatura cívica para o 27S que aglutine todos os votos das persoas partidarias da independencia, segundo informa Vilaweb. O president Artur Mas leva días falando dunha lista impulsada por entidades soberanistas. Oriol Junqueras (ERC) xa dixo que aceptaría unha candidatura unitaria, mais composta pola sociedade civil e sen políticos. Convergència (CDC) dixo que o feito de que non fosen políticos non ía ser un problema para o acordo. E, como sinala Vilaweb, a peza que faltaba por se mover, a CUP, vén de facelo agora e apoiando unha lista cidadá. Mais con 2 condicións: que nesa candidatura non vaian políticos e que xusto após os comicios do 27 de setembro se convoquen eleccións constituíntes.

“O 27S pode convocarse en chave de ruptura democrática, sen partidos, cedendo o protagonismo á xente. Para contar co apoio do si e convocar eleccións de forma inmediata”, dixo Quim Arrufat, deputado das CUP. Iso si, deixou claro que iso non significaba partillar unha lista para un goberno de unidade.