CDC e ERC analizan por separado o “non” da CUP a Mas
As direccións de CDC e ERC, socios maioritarios da coligazón Junts Pel Si, reuniranse esta segunda feira, 4 de xaneiro, por separado para determinar a estratexia a seguir após da decisión da CUP de non investir Artur Mas como president.
O “non” do Consello Político da CUP á investidura de Artur Mas como president da Generalitat provocou que tanto CDC como ERC convocasen reunións por separado para analizar a situación que se abriu o domingo. Esquerra, que mantivo que a Presidencia de Mas era innegociábel, manterá a reunión en Barcelona durante a tarde, ao igual que CDC.
A CUP insistiu o domingo tras o seu “non” a Mas que a única alternativa para que non haxa novas eleccións pasa por que Junts Pel Si presente un candidato ou candidata alternativa. O propio Mas, nunha entrevista radiofónica na semana pasada, sinalou que a CUP tiña forza para provocar uns novos comicios mais non para cambiar de candidato á Presidencia.
As reaccións dos líderes políticos
Nada máis coñecerse o resultado das votacións no seo do Consello Político da CUP, onde tamén participaba o Grupo de Acción Parlamentar, as redes sociais ferveron con valoracións enfrontadas.
A presidenta do Parlament, Carme Forcadel, amosouse sorprendida por que a CUP rexeitara a investidura de Mas.
O dirixente de ERC, Oriol Junqueras, tratou de difundir optimismo na súa conta de Twitter, onde escribiu que “nunca nos renderemos”.
O parlamentar de ERC Joan Tardá emprazou todas as partes a tratar de evitar as eleccións "por patriotismo". Hai quen ve neste chío unha clara alusión a Mas para que dea un paso atrás.
O tamén deputado de Esquerra Gabriel Rufián pronunciouse na mesma liña que Oriol Junqueras.
Ferrán Falcó, dirixente de CDC, apostou na rede social en repetir a experiencia de Junts pel Si após coñecer a decisión da CUP.
O presidente da ANC, Jordi Sánchez, pediu perdón por ter reivindicado o voto a calquera opción independentista.
A portavoz de Ciutadans no Parlament, Inés Arrimadas, puxo de manifesto que "sairemos de esta todos xuntos"
Pronunciouse na mesma liña o líder de Ciudadanos, Albert Rivera.
Lluís Rabell, candidato de Catalunya Si que Es Pot, tamén se pronunciou ao respecto nas redes sociais para salientar que a CUP cumpriu co prometido.
O líder do PP no Parlament, Xavier García Albiol, apelou á "normalidade" e censurou as eleccións "anticipadas"
A portavoz do PSC, Esther Niubo, sinalou en declaracións aos medios que o "non" da CUP a Mas permitirá comprobar "se o gran tema é a independencia ou Mas". Referiuse ademais ao "fracaso político" do procés soberanista e acusou Mas como responsábel.
Cargos públicos da CUP, como o alcalde de Argentona, Eduald Calvo, amosou o seu descontento.
O mesmo fixo o alcalde de Arenys de Mar, o cupaire David Caldeira, quen responsabilizou a CUP de soterrar o proces independentista.