Artur Mas buscará unha alianza catalá contra a lei españolista de Wert
O día despois do consello de Ministros dar luz verde ao anteproxecto da LOMCe, o presidente da Generalitat de Cataluña Artur Mas anunciou que convocará partidos políticos e ao mundo educativo para se opoñer ao españolismo centralista da lei Wert. Estuda tamén presentar un recurso diante do Tribunal Constitucional.
A próxima semana o presidente da Generalitat Artur Mas convocará partidos políticos e representantes do mundo educativo para facer fronte ao centralismo españolista da Lei Wert que o día 17 foi aprobada no Consello de Ministros. “Non baixaremos a cabeza ante estas OPAS hostís que nos queren facer desde fóra” dixo Mas na súa intervención na que asegurou que desde o goberno central buscan “romper a cohesión social” de Cataluña. Fixo un chamamento á unidade para defender o seu modelo educativo e lingüístico.
“Será combatida por vías democráticas até as últimas consecuencias en defensa daquilo que gañamos traballando durante moitos anos” engadiu Artur Mas antes de asegurar que defenderán con todos os medios o sistema educativo catalán que lle outorga á cidadanía “coñecemento do noso idioma propio, coñecemento doutros idiomas e cohesión social”. Definiu a Lei Wert como unha “OPA hostil” contra o catalán e contra Cataluña despois de que o goberno dese o visto bo a unha lei que obrigaría á Generalitat a facerse cargo do pago dun colexio privado ao alumnado que queira estudar en castelán e non dispoña de centros públicos ou concertados.
Ao Constitucional
O goberno catalán sinalou tamén a través do conseller de Interior, Ramón Espadaler, a vontade de levar a lei diante do Tribunal Constitucional se non se dan modificacións substanciais no seu trámite parlamentar.