Editorial: Feijóo, o delegado do Goberno español

Aspecto da reunión constitutiva de Vía Galega

Cada certo tempo volta á palestra o debate sucesorio de Rajoy e o salto de Feijóo á política española, mais non nos equivoquemos, Feijóo xa está na política española. E é que optou por inhibirse do seu cargo de presidente do Goberno galego para pasar a actuar como delegado do Goberno central na Galiza. Disto xa hai tempo. Que os dereitos das galegas e galegas non lle interesan a Feijóo evidénciano as navalladas recorrentes que recibimos coa AP9; a falta de peso político de Galiza no debate sobre o modelo do Estado ou o desinterese por conseguir un modelo de financiamento acaído e xusto para Galiza, e que pasaría polo concerto económico; a exclusión de Galiza do corredor atlántico de mercadorías que financia a UE ou o desmantelamento progresivo da liña ferroviaria Ferrol-Ribadeo, entre outros moitos exemplos.

 

Neste contexto de ausencia de soberanía e de falta de capacidade de decisión nace Vía Galega, Plataforma social para a defensa dos dereitos nacionais de Galiza que, impulsada polas fundacións do movemento do soberanismo, nace coa ollada posta en dous obxectivos: o recoñecemento de Galiza como nación e o recoñecemento do dereito de autodeterminación. A entidade, da que forman parte perto de medio cento de colectivos e que segue aberta a todas as organizacións sociais que se adhiran aos dous citados principios, preparará unha Carta de dereitos do pobo galego con motivo do centenario da Asemblea Nacionalista de Lugo.