Editorial Sermos277

Eléctricas que rouban os cartos, a natureza e a lingua

A Comisión do Mercado e a Competencia vén de sancionar Gas Natural Fenosa e Endesa por alteraren o prezo da electricidade, cando o megavatio superou en 90 por cento o prezo rexistrado un ano antes. Ambas as empresas serán investigadas por maximizaren os seus ingresos. Grandes eléctricas como as citadas non só espolian o país, senón que nos rouban a carteira e máis a lingua. Por que a lingua? Porque estes xigantes da electricidade extraen de centrais térmicas, encoros, minicentrais e parques eólicos da Galiza millóns de quilovatios, mais non sempre empregan o galego para se dirixiren á poboación do país. Non son as únicas empresas. No sector socioeconómico, seguimos sen ter garantido o direito a sermos atendidas e atendidos na nosa lingua.

 

As consumidoras e consumidores vimos de perder unha grande oportunidade ao bloquear o PP a ILP presentada pola Mesa pola Normalización Lingüística, unha proposta avalada por máis de 28 mil persoas que apoiaron a plena equiparación de direitos entre galego e castelán. Unha iniciativa imprescindíbel para a lingua tendo en conta que a cativa lexislación lingüística vixente fica en letra morta. E tanto… pois só en 2016 a Liña do Galego da Mesa recolleu 316 casos de vulneración de direitos lingüísticos. Neste contexto, cómpre seguir a esforzarnos por temos os mesmos direitos que as persoas utentes de calquera outra lingua oficial.