CURSOS DE COCIÑA DE 6 A 10

Coas mans na masa

Mans na masa

Amasar galletas, facer pan ou enfornar galletas son actividades polas que devecen boa parte das crianzas. As Feiras do Libro que se celebran esta primavera e verán nas distintas cidades galegas programan cursos de cociña para as crianzas.



Profesores titulados en cociña son os responsábeis de impartiren estes obradoiros que duran hora e media e están pensados para nenos e nenas de 6 a 10 anos. O programa inclúe receitas doadas e saborosas para que se afeccionen á cociña, xoguen e aprendan ao tempo. A elaboración de masas é o centro do curso, en resposta á actividade que máis lle gusta á rapazada, darlle forma á mestura que logo enfornarán.

O programa de cursos polas Feiras do Libro compila as citas de Compostela o 5 de maio e Lugo o sábado 19. O 3 de xuño aprenderán a facer pizza a xente nova de Ourense e o 7 de xulllo a de Vigo. Xa en agosto será a cita anual da Coruña cos libros ao ar libre a que reciba aos cociñeiros e cociñeiras con menos idade e máis ganas de aprender.

Gorros e mandís profesionais introducen a este particular alumnado nun mundo gastronómico de altura. A editorial Ouvirmos organiza os cursos despois do éxito acadado coa colección de libros “Cociña infantil e familiar”, recetarios que ensinan a preparar aos máis pequenos pratos doados e imaxinativos.

Muffins con chocolate e abelás ou flan de regaliz para a sobremesa, bocata en forma de cempés para a festa, pizza “Bob Esponxa” ou cornete de pavo e verduras son algunhas das receitas que se recollen nos títulos publicados até o momento. A colección completarase até un total de dez libros nos que se agardan arroces, zumes, cociña internacional ou chocolates e xeados, un pracer para o padal infantil. Como todo hai que dicilo, a colección complétase cun volumen dedicado aos peixes, eses grandes heroes sobreviventes nas mesas con comensais de menos de dez anos.