Os partidos socialdemócratas da UE deciden apoiar a Juncker, o candidato da dereita

parlamento europeo UE

Os partidos que forman grupo co PSOE queren que sexa Jean-Claude Juncker, do PPE, o presidente da Comisión Europea pero agardan que se lles concedan a eles tamén algúns postos no seu organigrama, noutra versión da 'Grosse Koalition'.

Os líderes socialdemócratas europeos mantiveron unha xuntanza en París na que chegaron ao acordo de apoiar ao conservador luxemburgués Jean-Claude Juncker para o cargo de presidente da Comisión Europea, ao tempo que dixeron que esperaban que outros postos de responsabilidade da UE fosen para membros dos seus partidos, entre os cales se integra o PSOE.

“Os socialdemócratas aceptan que o Partido Popular Europeo gañou as eleccións europeas e que Jean-Claude Juncker debería converterse en presidente da Comisión Europea, pero esperamos que os socialdemócratas ostenten outras funcións dentro do organigrama da Unión”, dixo o alemán Sigmar Gabriel, onde a socialdemocracia goberna en coalición coa dereita de Merkel.

As últimas eleccións europas foron as primeiras nas que se propuxeron candidat@s para a Comisión, sendo Juncker o apoiado polo PP e Martin Schulz polo PSOE, que agora amosa o seu entendemento co que en campaña presentaron como rival.