XUSTIZA

Arxentina multa a Telefónica con 32 millóns de euros

Movistar, a filial da multinacional española, deixou sen servizo 16 millóns de persoas en abril e non reparou os danos. O Goberno impón agora unha sanción e ínstaa a devolver a cada persoa afectada unha cantidade que ronda os 2€ na vindeira factura

Arxentina impón unha sanción de 32 millóns de euros --185 millóns de pesos-- á multinacional española Telefónica pola avaría nos seus sistemas que deixou sen posibilidade de comunicación a través do móbil a 16 millóns de usuarias e usuarios a principios de abril. Unha porcentaxe menor da cidadanía ficou tamén sen servizo de telefonía fixa.

Alén da multa, o Goberno de Cristina Fernández insta a Movistar --a filial da empresa-- a que devolva a cada unha das persoas afectadas un importe de case dous euros --10 pesos-- na vindeira factura. Tras o apagón de abril, Movistar comprometeuse a reparar os danos, outorgando á clientela un diñeiro proporcional a un día completo do seu próximo abono. Tamén anunciou que poderían enviar mensaxes de texto de balde durante os días da Semana Santa. Non cumpriu ningunha das dúas ofertas.