A Europa oficial quere desacreditar as nacionalizacións na América do Sul

Comisión Europea
As críticas e o rexeitamento ás soberanas decisións de Arxentina e Bolivia de nacionalizar filiais de compañías españolas medra en sectores económicos e políticos de Europa.

Institucións comunitarias, gobernos e determinada prensa levan días criticando as nacionalizacións realizadas en Arxentina e Bolivia. Tales criterios non recoñecen o dereito arxentino do control da petroleira YPF, para asegurar que a produción de cru e gas acompañe a expansión económica e a soberanía enerxética do país. Para Bolivia, a expropiación da filial de Rede Eléctrica Española é determinante no sector dos hidrocarburos, e aprobouse en cumprimento do mandato do pobo e da Constitución Política do Estado de recuperar as empresas estratéxicas.

A Comisión Europea preocupada
A respecto dos casos de nacionalización, a Comisión Europea (CE) manifestou a súa "preocupación" pola medida do goberno boliviano e expresou que "as autoridades dese país deben cumprir completamente os acordos de investimentos subscritos co Estado español". O voceiro de Comercio da CE, John Clancy, en declaracións encamiñadas a desprestixiar tales medidas, considerou que transmiten un sinal negativo ao conxunto de investidor@s internacionais sobre o clima de negocio en Bolivia. Asegurou que Bruxelas segue atentamente e con preocupación a situación e espera que o goberno do país andino garanta unha rápida e adecuada compensación por esta expropiación. A pesar dos seus incisivos criterios, Clancy descartou vincular o caso de Rede Eléctrica en Bolivia co da expropiación por parte do Goberno arxentino do 51 por cento das accións da petroleira YPF, en mans da española Repsol. A CE tamén manifestou  inquietude pola nacionalización de YPF, e expresárono en senllas misivas ao goberno de Cristina Fernández o seu presidente, José Manuel Durão Barroso, e o comisario europeo de Comercio, Karel De Gucht.

Apoio diplomático
Nestas dúas nacionalizacións en países suramericanos, a Unión Europea avalou o Estado español, aínda que ese apoio só pode ser diplomático pois non hai unha base legal que lle permita defender investimentos desa comunidade no exterior.
Tamén a prensa española e medios internacionais en xeral criticaron as decisións de Arxentina e Bolivia e con iso o modelo económico, que intentan instaurar diversos países en América Latina. Non poucos artigos publicados ven en ambos os dous países "un clima de inseguridade política pouco propicio para o investimento, unha tendencia que comezou anos atrás, acentuada recentemente e que nada fai prever que vaia mudar proximamente".
O Fondo Monetario Internacional (FMI) rexeitou a idea de que exista na América do Sul unha propensión ás expropiacións de filiais de empresas estranxeiras, ao considerar que eses dous casos teñen un carácter bilateral.