O Papa Bieito XVI demitirá o 28 de febreiro

Benedictus XVI
Así o asegura a axencia italiana ANSA. Segundo o portal de información a decisión deberíase a "falta de forzas". A demisión dun pontífice non sucedía desde o século XV.

 

Mariano Rajoy non demite, Juan Carlos I non abdica mais o Papa si o fai. Segundo informou esta segunda feira a axencia italiana ANSA, Bieito XVI abandonará o seu pontificado o vindeiro 28 de febreiro. Así o anunciou a máxima autoridade da igrexa católica no acto de canonización dos mártires de Otrenta. 

Bieito XVI segue os pasos de Pietro del Morrone que tamén demitira en 1294 argüíndo que "non tiña experiencia no manexo dos asuntos da igrexa". Pietro fora eleito Papa con 80 anos entre unha escolma de 12 cardenais entre os que el non estaba. O último Papa en demitir foi Gregorio XII, retirado en 1415, dous anos antes de falecer. 

Segundo o dereito canónico o abandono debe ser "libre e manifestado formalmente" mais non exixe que esta decisión sexa aprobada por ningunha outra autoridade. 

En 2010, Bieito XVI, aseguraba na súa obra Luz do mundo que un Papa pode demitir cando non se atopa "capaz física, mental e espiritualmente". Aliás de si propio consideraba estar "a perder forzas" e mesmo apuntou que o pontificado podería ser "excesivo para un home de 83 anos". Porén, naquela altura rexeitaba abandonar as súas reponsabilidades á fronte da igrexa. No entanto, na carta lida polo Papa anunciando a súa renuncia asegura que "após ter examinado perante deus de maneira reiterada a súa conciencia" sente non ter forzas "para exercer adecuadamente o Ministerio petrino".