Retratos dun tempo en mudanza

Xesús Díaz. De aprendiz no estaleiro a dirixente sindical

Xesús Díaz. (Foto: Xan Carballa)
Xesús Díaz (Ferrol, 1944) e o seu irmán xemelgo Xosé comezaron a traballar no estaleiro Astano como aprendices aos 14 anos. Así era naqueles tempos, onde se completaban algúns estudos medios na propia “academia” que poñían as grandes fábricas ao rematar a xornada laboral. Militante do Partido Comunista (PC) e dirixente das CCOO, onde foi secretario xeral desde 1989 a 2000, Suso Díaz lembra algúns episodios que forxaron a lenda proletaria da cidade, envés da súa outra cara de departamento militar.

—Vostede é, en certo sentido, fillo político de 1972, pero a conciencia viña de atrás?
Meus pais eran orixinarios de Guitiriz e papá creo que se fixo de esquerdas cando emigrou a Cuba. Coñecéronse nunha viaxe á Galiza que fixo el desde o Caribe pero ela non quixo emigrar e, ao pouco, decidiron intentar unha nova vida en Ferrol. Andaba sempre ouvindo emisoras de onda curta, e mamá berráballe: “Un día lévannos presos! Apaga iso”. A primeira folga que vivín foi a de 1962, que coincide coas da mina La Camocha en Asturias. Foi polo primeiro convenio colectivo de Astano e xa había un mando intermedio no xurado de empresa achegado ao PC e o resto eran cristiáns de esquerda, non xente vendida á empresa. 

Foron catro días de folga e iso, con 17 anos, case un neno, marcou a miña vida e a doutros. Aprendemos moito e a miña militancia propiamente arrinca en 1964/65, estando xa a traballar en Astano, cando se montou a oficina técnica onde viña xente da Bazán e varios eran do PC, un deles Manuel Anido e outro Santiago Cortizas, que era irmán do que fora primeiro alcalde comunista de Mugardos.

Con eles abrín os ollos, deixábannos libros e integreime clandestinamente en CCOO, porque o sindicalismo era a clave de todo. A idea que promovía o PC despois do abandono da actividade guerrilleira foi que a vía para derrotar a ditadura debía ser pacífica, e debiamos acumular forzas para unha folga nacional política, e para formular iso, o papel do movemento obreiro 
é decisivo.

Foi cando empezaron a fichar xente nova coa idea de que nos metésemos en calquera iniciativa colectiva para defender causas e reivindicacións laborais. De aí nacen CCOO, desas comisións espontáneas que aparecían e desaparecían até que o PC pensa que deben manterse. Aínda que os comunistas eramos minoría agrupaban a xente máis honesta e combativa naquel momento.

—Esa acumulación reivindicativa estoupa con forza en 1972, tanto en Ferrol como en Vigo, meses antes da gran crise internacional do petróleo.
Foi espectacular e contradí as moitas opinións de que Galiza non se mobilizou contra a ditadura, cando foi constante a loita e nese ano estivemos á fronte da defensa dos traballadores e polas liberdades democráticas. Naquel mes de marzo, Ferrol e a contorna quedaron varios días paralizados e aquí si frutificou a idea da folga nacional política. Cando a Policía dispara, os traballadores levantan pedras, acurrálana e póñena en fuga. Tomouse a cidade sen quebrar un cristal.

—Cal era a reivindicación de base?
Conseguir un novo convenio colectivo para a Bazán. O convenio era estatal, porque estaban tamén os estaleiros de Cádiz e Cartaxena. Pero mentres en Ferrol CCOO era maioritaria, alá tiña xurados de empresa dominados polos xefes. Cando chegaban a Madrid, víñanse abaixo as reivindicacións dos traballadores de Ferrol porque os outros asinaban. Empezaron a deter os sindicalistas e o día 9 de marzo había unha manifestación perto de onde asasinaron ao día seguinte Amador Rey e Daniel Niebla, na que xa dispararon con balas de fogueo.

Cando ao día seguinte foron traballar, fecháronlles as portas do estaleiro. Fixeron unha asemblea e decidiron vir a Astano na procura da nosa solidariedade. Hai varias versións, algunha fala de que se disparou desde a torre dunha igrexa, pero en todo caso houbo dous mortos e máis de corenta feridos de bala. A un dos dirixentes máis destacados, Xulio Aneiros, metéronlle unha bala no pulmón e levárono ao hospital e moitos feridos nos brazos e nas pernas buscaban como curarse sen pasar polo hospital para non ser detidos. 

A Astano chegábannos noticias de 20 mortos e de inmediato fixemos asembleas e paramos o estaleiro. Puxéronnos diante do estaleiro, apuntándonos directamente, unha lancha torpedeira da Mariña de guerra para meternos medo. 

—A solidariedade foi grande, como dicía, parou a bisbarra enteira.
Bazán non permitiu que regresasen os traballadores até 20 días despois do medo que tiñan. Detiveron nesas semanas 160 persoas, a min sobre o 20 de marzo. Metéronme unha multa de 150.000 pesetas, pero negueime a pagala e botei dous meses no cárcere.

Despedíronme pero presionou o xurado de empresa e readmitíronme. Astano, con González Llanos de director, tiña unha actitude paternalista e nunca despediron ninguén por temas políticos ou sindicais, e o meu inicial despido fixérono por presións policiais. Os cinco despedidos en Astano foron en 1974 cando xa era unha empresa pública e cunha dirección de militantes franquistas.

—Unha das grandes reivindicacións do sindicalismo foi o dereito á folga, que estaba prohibido.
Nos medios de comunicación nunca se utiliza a palabra folga, fálase de “conflito laboral, problemática” e en vez de traballadores ou obreiros dicíase “produtores”, unha linguaxe para aparvar a xente. Nas grandes empresas, iso era fácil de combater, porque xuntábanse 1.000 persoas, cando se estaban cambiando e falarlles era doado, aínda que estaba presente a brigada da Garda Civil vestida con buzo azul, pero xa sabíamos quen eran. 

—Os sindicatos non se legalizan até abril de 1977.
En todos eses anos a efervescencia sindical e política ía da man e víase vir o final da ditadura. Pensa que en 1975 contabilízanse, con Franco aínda vivo, 3.500 folgas con 600.000 traballadores afectados. No 76 houbo máis de 40.000 folgas e máis de 2,5 millóns de concernidos, e segues ollando aos anos posteriores e a mobilización foi espectacular e con máis xente incorporada. 

En todo ese tempo hai que lembrar un feito importante: nas derradeiras eleccións do sindicato vertical, en 1975, as CCOO copamos unha chea de xurados de empresa nos grandes sectores. Aquela toma dos xurados permitiunos negociar os convenios en mellores condicións, en todos os sectores e con folgas moi duras e extensas. Había unha inflación de máis do 26% anual en 1978, os salarios desvalorizábanse deseguido, expedientes de crise, fechamentos de empresas, fuga de capitais, desvalorización da peseta,… foron uns anos infernais. Coa mobilización, ías parando a situación como podías. Pero até que se aprobou a Constitución non se legalizou o dereito dos traballadores á folga.

—A maiores da súa militancia política, a súa foi sempre vida de sindicalista.
Até 1974 e 1975 dediqueime tamén ao activismo social e cultural. Vivía en Caranza e tiñamos a Sociedade Recreativa, que fundamentalmente era un equipo de fútbol. Escolléronme para organizar as cousas culturais, e xa en 1968 levei a Voces Ceibes e montamos conferencias de todo tipo, con pelexas de seguido, porque alí estaba a Policía de continuo. Para buscar os permisos, tiña que ir ao Goberno civil e tíñanme aberto expediente.

Despois, marchei a Perlío e entrei no Círculo de Perlío, onde o presidente era de tradición republicana, contaban cun local fantástico e podíamos facer moito máis. Trouxéramos ao grupo de teatro de Manuel Lourenzo representado a Bertolt Brecht ou a Uxío Novoneyra, que foi algo moi emocionante. Preparamos o acto e el viu o salón e dixo, “facémolo coa luz apagada, só cunha lámpada na mesa” e empezou Novoneyra a recitar con aquel xeito tan seu diante de 400 persoas.

Non podía crer aquel río de xente ouvíndoo, e botou a Letanía de Galicia e cando rematou dixo: “Agora vou dicir uns versos do 10 de marzo en Ferrol”. E arrincou co poema dedicado a Amador e Daniel: “Erguéstesvos cedo aquel día / -o costume do traballo– / mañá cediño / pra facernos coa vosa morte”, e eu vía como Novoneyra choraba. A xente que non coñecía o poema estaba estremecida e levantáronse cun aplauso como un trono.

—Desde mediados dos 70 xa conviven con outras opcións sindicais, coa UXT e tamén co sindicalismo nacionalista, co que teñen posicións ás veces encontradas.
Nós eramos inmensamente maioritarios até entón, e despois comezou unha competencia ás veces dura. Primeiro coa Confederación de Sindicatos Unitarios de Traballadores (CSUT), que tivo forza importante sobre todo na construción, co Sindicato Obreiro Galego (SOG) e a  Intersindical Nacional dos Traballadores Galegos (INTG) despois e tamén coa Unión Xeral de Traballadores (UXT).

Xunto ao debate sobre as reivindicacións de cada un, a competición por gañar espazo sindical era a prioridade para todos. Nós pensamos que as leis laborais son competencia do Estado e eu concordo con iso, un nacionalista non, por tanto penso que está ben que o marco de negociación se faga solidariamente desde o Estado. 

—Deduzo que vostede é galegofalante de sempre, pero cóntanse anécdotas das dificultades dos sindicalistas nacionalistas para falar en galego nalgunhas asembleas.
Ferrol tes que ter en conta que era unha cidade de obreiros e militares, que non falaban galego en absoluto. Esa situación da que falas, desde logo en Astano non sería posíbel, eran xente que se expresaba en galego. Nós rematando a xornada laboral tiñamos unhas clases no propio estaleiro, que nos daba a empresa. Neses catro anos que durabamos como aprendices, dábannos estudos do que non aprendéramos na escola (trigonometría, álxebra, física, química,…).

Pensa que legalmente era posíbel, e eu entrei a traballar con 14 anos. Os profesores falaban castelán, e algúns obrigábannos a usar o castelán. Había xente que as pasaba negras. Non era o caso co poeta Xosé María Pérez Parallé, que tamén nos deu clase. Era unha formación boa e se aprobabas, permitíache mellorar moito a categoría profesional.

Pasabas de neno a medio home case sen máis. Cando entrei a traballar, o 25 de setembro de 1958, pasei do pantalón curto ao longo. A min tocoume en Armadores e a meu irmán xemelgo Pepe en Maquinaria. En Armadores non había buzos para nós e o primeiro día, que estaban facendo un barco froiteiro, o meu grupo estaba na proa abaixo de todo, no pique de proa. Hoxe sóldase todo pero daquela remachábase e cando chego alí abaixo o ruído era infernal, os remaches viñan desde a cuberta ao roxo vivo e había que andar con moito coidado. O obreiro ao mando díxome, “poste aí e nin te movas”. Cando cheguei á casa botei a noite enteira coa cabeza baténdome o ruído.

Ou sexa, empecei sen buzo, e tampouco había casco, nin protección para os ouvidos nin redes, porque traballábase ás veces a 40 metros de altura… Non teño certeza, pero case estou por dicir que o maior número de horas de folga que houbo en Astano foi polos accidentes e a seguridade no traballo. Na época dos superpetroleiros, por cada barco morrían cinco ou seis traballadores e feridos de todo tipo, xa podes imaxinar.