Por volta de 400 persoas demandan que San Simón volte a ser a Illa da Memoria
Foino durante o bipartito, en aplicación das políticas de memoria histórica promovidas pola Consellaría de Cultura (BNG). En 2009 o PP deitou por terra todos os esforzos de restitución do pasado ao recuperar o poder e en 2013 botou o fecho á Fundación San Simón. Este domingo, a illa acolleu a homenaxe nacional ás vítimas da ditadura franquista. Participaron arredor de 400 persoas. Moitas delas descendentes de persoas fusiladas ou desaparecidas cuxos restos aínda están en foxas comúns por identificar.
A homenaxe nacional organizouna como nestes últimos anos a Iniciativa Galega pola Memoria. Fíxoo como é tradición nas vésperas do 18X, por volta da data do golpe fascista de 1936, a partir do cal se desatou unha vaga de terror que resultou en miles de asasinatos e no desaparecimento de miles de persoas.
Restaurar a memoria das persoas asasinadas, torturadas, represaliadas e desaparecidas é o propósito deste evento que neste ano 2017 se dedicou expresamente a resgatar do esquecemento os cárceres e campos de concentración que os golpistas habilitaron no territorio galego: San Simón, Camposancos, Oia, Figueirido, Rianxo, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Muros, Lavacolla, Betanzos, Ferrol, Cedeira, Ribadeo, Celanova…
Por que a Illa de San Simón?
A Illa é un símbolo da memoria por recuperar e tamén da dignidade dun pobo que, contra o que afirmou durante décadas a historiografía fascista, si opuxo unha grande resistencia aos golpistas. San Simón foi campo de concentración entre 1936 e 1943 e nel ficaron confinadas máis de 6.000 persoas en condicións verdadeiramente infra-humanas. Moitas perderon a vida nel.
Aínda a unha altura tan recente como o pasado día 7 de xullo, o PP opúxose a declarar San Simón como Illa da Memoria ao votar en contra unha iniciativa do parlamentar do BNG Luís Bará.