Vilar de Barrio homenaxea os edís fusilados polos franquistas

Homenaxe represaliados en Vilar de Bariio o ano pasado. (Foto: Concello de Vilar de Barrio)
Tributo a Cándido Fernández e Cándido Gándara

O 10 de agosto de 1936 dous concelleiros de Xinzo e de Sandías (A Limia) foron asasinados no quilometro 4,9 da estrada que une o concello de Vilar de Barrio co  Santuario dos Milagres, concretamente na parroquia de Maus.

Así o explica a Nós Diario Manuel Conde Gómez, alcalde do municipio de Vilar de Barrio, municipio onde este sábado lembrarán cun acto os dous edís asasinados na vila polo franquismo, Cándido Fernández García e Cándido Gándara González. Esta homenaxe, organizada polo propio Concello, ten como obxectivo "dar a coñecer o que pasou na vila", afirmou o rexedor, pondo así nome e apelido a persoas que deron a súa vida por defender os seus valores.

A homenaxe principiará co descubrimento das placas de homenaxe a Fernández e Gándara no lugar "no que foron soterrados, na parte traseira da igrexa de Maus", sinala Conde. Vilar de Santos era antes do golpe de Estado un concello de vangarda no que os sindicatos e as organizacións progresistas tiñan moita forza no período republicano, polo que a chegada do franquismo marcou fortemente a vila, deixando decenas de persoas represaliadas.

Co fin de "enmarcar estas mortes no contexto histórico", sinalou o rexedor, pola tarde terán lugar dúas palestras que relatarán os feitos acontecidos. En primeiro lugar o médico e antropólogo forense Fernando Serulla Rech afondará nas historias dos desaparecidos, analizando os dereitos humanos e a memoria democrática na actualidade.

Nesta liña, Xulio Prada, catedrático e decano da Facultade de Historia da Universidade de Vigo (UVigo) fará un percorrido da "esperanza á persecución", abranguendo a través del o sindicalismo da vila, así como o movemento agrarista ou o poder local no Ourense republicano.

Ambos os relatorios desenvolveranse na sala D. Manuel Gómez Portela, espazo ao que o 3 de xaneiro do ano pasado o Concello lle puxo o nome do último alcalde republicano da vila, explica o rexedor.


Conde sinala que este é o segundo ano dos actos en lembranza dos represaliados en Vilar de Barrio. Unha iniciativa coa que desde o Concello queren que "pór en valor cada 3 de xaneiro todas as persoas que sufriron o golpe de Estado", e á cal queren dar continuidade porque "o noso Concello ten moitos máis 3 de xaneiros que celebrar", en relación ao número de veciñas e veciños represaliados.