Ex alcalde do concello

Tomiño recupera a memoria de Daniel Calzado Poceiro, galeguista represaliado

José Ramón Calzado, neto do homenaxeado, e a alcaldesa nacionalista, Sandra González

Daniel Calzado Poceiro, ex alcalde de Tomiño na República e galeguista represaliado polo franquismo, xa conta cunha rúa nesta localidade do Baixo Miño. No acto participou José Ramón Calzado, neto de Daniel.

Tomiño conta desde esta fin de semana cunha rúa que leva o nome de Daniel Calzado Poceiro (1891), o ex alcalde da localidade entre 1931 (ano da dimisión de Ramiro Moure Moure) até 1935. O galeguista participou na fundación de sociedades de agricultores e foi director de El Agro de Tomiño.

Após o golpe de Estado, fuxiu a Bos Aires, cidade en que se erixiu como un dos líderes da colectividade galeguista no exilio. De feito, chegou a presidir o Consello de Galiza logo da morte de Castelao. Tamén ocupou varios cargos na Agrupación Celta do Centro Galego. Faleceu en 1972.

A alcaldesa Sandra González (BNG) recibiu oficialmente no Concello esta fin de semana o neto de Daniel, José Ramón Calzado, quen participou, emocionado, nos actos de homenaxe do galeguista represaliado.