Todas as vidas de Juan Lago Collazo

[Imaxe: Arquivo familiar] Juan Lago, á esquerda, con gorra, no campo con nazi de Ebensee.
Esta é a historia dun rapaz de 20 anos, labrego e sindicalista, que soñaba na primavera galega do 36 cun mundo máis xusto. Que acabou sendo protagonista, sen querelo, de guerras e derrotas, de estadías en campos de internamento e exterminio nos que coñeceu todas as formas do espanto e da degradación humana. Esta é a historia de como sobrevivir ao horror e como sobrelevar a pesada carga do trauma e do pesadelo. Esta é unha dolorosa lección de vida e de dignidade, neste tempo no que as ideas herdeiras daquel fascismo volven percorrer Europa. Eis un extracto da información publicada ao respecto no número 362 do semanario en papel Sermos Galiza.

Juan Lago Collazo, Juan da Ferreira, veciño de Paredes (Vilaboa), era secretario da Sociedade de Oficios Varios de Vilaboa. Ese foi o delito que lle cambiou a vida, que lle fixo percorrer entre xullo de 1936 e maio de 1945 un tempo de batallas, de derrotas, de fame, de confinamento e exterminio.

Unha existencia no límite, habitada por todas as formas non imaxinadas do espanto e da ignominia. Un tempo de soños e ideais que ficaron arrombados máis alá dos arames cando o único desexo, a única verdade, a única misión era sobrevivir, que chegase o día seguinte, asistir a un novo mencer.

Nos días finais de xullo prendérono e torturárono para que entregase os libros do sindicato. E pouco despois sobreviviu a unha tentativa de paseo no cemiterio de Ponte Sampaio (Pontevedra). E para seguir vivindo colleu un tren en Redondela para formar parte dun exército que non era o seu, un exército ilexítimo que abandonou para manter a vida e a dignidade. E foi así como sobreviviu ás batallas e ás trincheiras do Ebro e á derrota que veu despois. Levaba con el, prendido na pel, o instinto de supervivencia.

Amaba a vida e a liberdade e a xustiza e non ía renunciar, non ía deixar de loitar. Coa forza desa convición, con esa pulsión primaria, superou a intemperie dos campos de refuxiados en que os franceses recluíron os sobreviventes da derrota. E para aferrarse á vida acabou enrolándose como tenente nun dos batallóns auxiliares do exército francés, coa promesa da nacionalidade gala ao final da contenda recén iniciada. Para el era a maneira natural de proseguir a batalla contra o fascismo que comezara nas trincheiras do Ebro.

Trasladado á fronte de guerra no norte de Francia, foi feito prisioneiro polos alemáns e conducido o 13 de decembro de 1940 desde Estrasburgo ao campo de concentración de Mauthausen, onde estivo preso durante catro anos e medio, até o 5 de maio de 1945.

Para sobrevivir naquel inferno, mudou a súa identidade pola dun compañeiro morto, o cubano Alberto Martínez Sánchez, coa convición de que aqueles documentos eran unha credencial para evitar a deportación a España.

Desempeñou todo tipo de tarefas, traballou nas canteiras e como perruqueiro, formou parte do Comité Internacional do Campo e da precaria resistencia que se foi artellando ao longo dos anos. E seguiu aprendendo a sobrevivir, a completar a dieta con restos de comida, a manter a cordura despois da morte de ducias de compañeiros e de presenciar atrocidades inimaxinábeis.

A finais do ano 1943 foi trasladado a Ebensee, un kommando ou campo satélite de Mauthausen no que viviu dous anos de extrema dureza e viu morrer centos de compañeiros.

[Podes ler a peza íntegra no número 362 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]