O tango triste de Matilde Villaverde
Como tantos outros galegos, Manuel Coto Martínez fora obrigado a alistarse no bando franquista en 1936, cando tiña 24 anos, pero axiña se pasou ao exército republicano, o afín coas súas ideas. Tras a vitoria golpista, cruzou a pé a fronteira e desde Francia embarcouse noutra guerra, coa confianza de que unha vitoria aliada liberaría á súa terra das fauces da ditadura de Franco. Pero non foi así e xa en 1940 foi detido polos alemáns e confinado nun Frontstalg, zonas de tránsito habilitadas no norte e no leste para reter os soldados antes de envialos a campos alemáns de concentración ou traballo forzado.
O seu expediente, estudado polo historiador pontevedrés Xosé Álvarez Castro, conta que estivo no Stalag XI‑B, en Bad Fallingbostel, e que o 25 de xaneiro de 1941 foi trasladado a Mauthausen, campo de categoría 3, a máis dura, reservada para prisioneiros que consideraban imposíbeis de rehabilitar por ser “inimigos políticos incorrixíbeis do Reich”. O tren levaba 1506 españois, entre eles o coñecido fotógrafo catalán Francesc Boix. Posteriormente, o pontevedrés foi trasladado a Gusen, onde finou o 2 de xuño de 1943, un mes despois de que a súa filla Milucha, bautizada Manuela como el pedira na última carta, cumprira os seis anos.
[Podes ler a peza íntegra no número 365 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]