Este sábado ás 13h no Centro Social de Sofán

Carballo honra as mártires de Sofán: 100 anos do asasinato de María, Carmen, Josefa e María

"Un padrenuestriño pol-os que morreron en Oseira, Nebra e Sofán!" Castelao

O Concello de Carballo organiza un acto este sábado para lembrar estas catro mulleres, mortas polos disparos da Garda Civil cando asistían ao enterro dun neno de catro anos.

Este ano é o centenario das ‘Mártires de Sofán’, catro veciñas desta parroquia de Carballo que o 16 de febreiro de 1919 morrían polos disparos da Garda Civil cando participaban nun enterro. María Caamaño Pallas, que tiña sete fillos e estaba embarazada, Carmen Veira Souto, con catro fillos, María Serrano Paz e Josefa Bolón Mato

 

O concello decidira a construción dun novo cemiterio, incentivado polos sectores caciquís. A maioría da veciñanza opoñíase e pedían que se ampliase o vello camposanto. O concello clausurou o cemiterio vello en novembro de 1918. A xente seguía enterrando os seus mortos no vello  e o 16 de febreiro de 1919 estoupa o conflito. A actuación da Garda Civil remata nun baño de sangue con catro veciñas mortas e ducias de persoas feridas. 

     

Cen anos despois daquela acción das forzas de seguridade que matou catro veciñas e deixou numerosas persoas feridas, o Concello de Carballo, a instancias do Consello Parroquial rende homenaxe ás “Mártires de Sofán”. Este sábado será inaugurada unha placa comemorativa na súa memoria, nun acto organizado polo Concello, o Consello Parroquial e a asociación Lumieira.

 

O historiador e cronista carballés Xan Fraga Rodríguez falará sobre aqueles feitos. Tamén intervirán familiares das homenaxeadas e, por último, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.

 

Precisamente, ás mártires de Sofán dedícalles Sermos Galiza un dos capítulos do monográfico "De Nós" titulado Rebeldía Galega contra a inxustiza, escrito por Xan Fraga. A publicación está á venda na loxa.