Señor de Galiza e de España, Príncipe de Santiago
Hai oitenta anos, en setembro de 1938, a prensa divulga a iniciativa de grupos de mulleres recollendo sinaturas para pedir ao Goberno que nomee Franco Príncipe de Santiago pois, xa que vai tomar posesión das Torres de Meirás, xusto é que que se lle outorgue tan prezado título.
A iniciativa, aparentemente espontánea, conta co asentemento de autoridades civís e militares e faise un chamamento a colaboraren todas as mulleres galegas para prestar o seu apoio a tarefa tan nobre coa seguridade de que a “modestia do Caudillo non será óbice para esta homenaxe”. A febre franquista é notábel.
En El Eco de Santiago de vinte e oito de setembro de 1938 aparece unha nota, sob título “Homenaxe das mulleres galegas ao Caudillo” que recolle a iniciativa das mulleres santiaguesas de situarse na vangarda das homenaxes de “amor e gratitude” para con quen soubo levar “España cara ao seu destino imperial”
“Pedimos, por ser o ideal desta guerra o triunfo da fe, que sexa a homenaxe ao noso conterráneo un tributo que simbolice que España enteira o recoñece como salvador deste ideal; ideal que naceu a impulsos de Santiago Apóstolo e por iso pedimos e desexamos que o título que ostente Franco sexa o de Príncipe de Santiago como unha mística benzón das mulleres galegas”
En Pontevedra aínda dan un paso máis: solicitan para Franco o título de Señorío de Galicia y Príncipe de Santiago” mais a El Compostelano a iniciativa parécelle pouco: mellor “Señor de Galicia y de España y Príncipe de Santiago”
“... porque o glorioso Caudillo é tamén fillo de España, e fillo de cualidade, fillo ilustre e benemérito, o máis distinguido de todos, circunstancia pola que se ten que chamar, hoxe e sempre, Señor de Galiza e de España e Príncipe de Santiago”
De repente, e con varios millares de sinaturas recollidas, todo ese movemento parou.
Razón? Hai quen di que foi por recomendación de Serrano Suñer, o cuñadísimo.
Eu creo que foi idea do mesmísimo Apóstolo que debeu sentir medo de tanta loucura, de tanto espírito de cruzada.