E máis actos do Día da Galiza Mártir

Un sábado de homenaxes a Ánxel Casal

Detalle do retrato de Ánxel Casal que lle fixo Camilo Díaz Baliño no cárcere de Santiago

Na noite do 18 ao 19 de agosto era asasinado nunha curva de Cacheiras, perto do cemiterio de Teo, o editor e político Ánxel Casal. Este sábado, 19 de agosto, Compostela e Teo acollen actos de homenaxe a quen fora membro das Irmandades da Fala e asinante do manifesto fundacional do nacionalismo galego.

Compostela e Teo homenaxean este sábado Ánxel Casal, quen hai 81 anos era asasinado polos fascistas nunha curva de Cacheiras, perto do cemiterio de Teo. O primeiro dos actos, organizado polo BNG, terá lugar ás 12.30h, na compostelá rúa do Vilar, onde intervirán Argantel Kerdudo, membro de Galiza Nova; Emilio Grandío, historiador; e Rubén Cela, portavoz municipal do Bloque en Compostela. Alba María e a Requinta de Xoán porán a nota musical á xornada.

 

Á tarde, ás 20h, conmemorarase a figura do editor e político en Teo, nun acto institucional en que tamén se enmarca a ofrenda floral do BNG de Teo ao propio Ánxel Casal e a Pedro da Areosa. Os lugares, a Estivada da Ribeira, en Cacheiras, e o monólito que lembra o membro das Irmandades da Fala. Estarán representados, ademais, os concellos de Santiago de Compostela e da Coruña, con fortes vínculos con Casal.

 

Traballo editorial

 

Membro das Irmandades da Fala, Ánxel Casal foi dos asinantes do Manifesto de Lugo, o escrito fundacional do nacionalismo galego e foi un dos impulsores das Escolas de Insiño Galego. Creador da editorial Lar xunto con Leandro Carré Alvarellos e fundador da editorial Nós, o seu gran contributo tivo a ver coa industria cultural, ao impulsar proxectos que tiñan o galego como lingua de comunicación.

 

Otero, Castelao, Manuel Antonio, Víctor Casas, Ramón Vilar Ponte, Blanco Amor, Cabanillas... foron editados por Ánxel Casal, militante do Partido Galeguista e alcalde de Santiago.

 

Continúan os actos do Día da Galiza Mártir

 

Tamén o sábado, os Riazor Blues organizan as Xornadas do Día da Galiza Mártir, cunha palestra de Manuel Monge e de Augusto Ruiz García “Babucho” ás 19.30h na AD O Chicho da Coruña. O domingo, ás 12.30h homenaxearán a “Babucho”.

 

Por outra banda, o BNG de Oleiros conmemora o Día da Galiza Mártir este domingo ás 19h en San Pedro de Nós, unha homenaxe a Carmen Temprano Salorio “A Moza” e José María Castelo Mosquera “Casteliño”, integrantes da resistencia antifranquista. Intervirá Luís Bará, parlamentar do BNG, e actuarán As Barallocas de Dexo e o cantautor Miro Casabella.