Ricardo Gómez Buceta e a represión no Bueu de Massó
Luís Bará recupera a historia deste militante do Partido Galeguista colaborador de Johan Carballeira, fusilado en Bueu en 1936, mais tamén a da súa familia represaliada.
Josefa Lobeira, compañeira de Ricardo Gómez Buceta, deixou por escrito o testemuño que o seu home lle narrara pouco antes de ser fusilado en Bueu en setembro de 1936. O corpo de Gómez Buceta, militante do Partido Galeguista e colaborador do alcalde, Johan Carballeira, nunca apareceu, como o de tantas outras persoas.
Súa irmá Rosalía e a propia Josefa Lobeira andiveron á súa procura despois de que na noite do 5 de setembro fora un grupo de falanxistas buscalo á casa. Antes de ser asasinado Ricardo deixara constancia do responsábel da súa morte: José María Massó, o dono da vila de Bueu.
"Se me pasa algo a min o culpábel é el", relatara Gómez Buceta á súa compañeira. O galeguista rexeitara o ofrecemento de Massó de pór o uniforme da Garda Civil e aceptar traballo na súa planta. Ricardo non quixo e el deixoulle claro que acababa de asinar a súa condena a morte. "Vaste arrepentir, aquí tiñas o porvir teu e dos teus fillos....".
Así o recolle Luís Bará no seu blogue Non des a esquecemento, onde relata --da man da familia Gómez Lobeira e do manuscrito de Josefa-- a represión padecida pola irmá, a compañeira e as crianzas de Ricardo após o seu fusilamento.
Para Josefa Lobeira e @s fillas "tamén comezou daquela unha morte lenta, abafante, que se reproducía cada mañá, cada hora, cada noite de insomnio e de loito. Cada vez que se cruzaba na rúa cos asasinos, cos cómplices, cos emisarios daquel tempo de terror e de infamia que lles tronzou a vida".
"Nos dejaron en la miseria. Fuimos perseguidos como perros y mi hijo Ricardo de 11 años estuvo preso... Y además nos venían a golpear en la puerta todas las noches", escribía a propia Lobeira nas 18 liñas que intitulou La triste historia de Ricardo Gómez Buceta.
Un dos pistoleiros que asasinaran Ricardo era coñecido. Chamábanlle Collazo e era natural de Rianxo. "A súa muller celebraba as xestas do home cun retrouso abominábel: Cada vez que mi marido mata un rojo, me como un pollo", relata Bará. Tempo despois déronlle morte en Rianxo.
Josefa e @s fill@s acabaron por marchar desde o porto de Vigo cara á Arxentina perante a imposibilidade de continuar a vivir naquel Bueu "escuro, afogados pola ausencia, sinalados, excluídos, confinados no silencio e na miseria".