"Reboiras foi asasinado polas costas"
Salvaterra de Miño (O Condado) acolle este sábado 6 de setembro o día grande do Festival da Poesía do Condado, que este ano pon o foco na crítica situación do idioma galego.
Salvaterra de Miño vive esta sábado unha apertada axenda de actividades que se desenvolverá ao longo de todo día cunha proposta variada. Malia que un ano máis o prato forte é a poesía e, tamén, a música, o Festival da Poesía do Condado ten espazos para o audiovisual, o deporte ou as palestras.
Unha das primeiras actividades desta xornada do Festival da Poesía no Condado tivo como protagonistas ao avogado Nemesio Barxa e ao expreso político Miguel García, que se achegaron á represión sobre nacionalismo galego nos últimos 50 anos.
A palestra, organizada cando se cumpren 50 anos da vaga represiva que rematou coa vida do militante da UPG Xosé Ramón Reboiras e levou á cadea e ao exilios a ducias de nacionalistas, serviu para analizar o funcionamento do aparello xudicial nestas cinco décadas.
"Chegaran a xuntarse 200 ou 300 policías para deter a Reboiras"
Nemesio Barxa, quen en 1975 se encargou da defensa xurídica dos membros da UPG detidos após o asasinato de Reboiras, lembrou que "os xornais daqueles días afirmaban que chegaran a xuntarse 200 ou 300 policías para deter a Reboiras, que aínda así canda a outros dous compañeiros logrou fuxir do piso"
"A Reboiras asasinárono polas costas", afirmou Barxa, quen indicou que "despois armaron todo aquel tinglado de que fuxira e se refuxiara no portal e despois de tirar varios tiros se disparou así mesmo e se suicidara".
"Como era un delito que eles consideraban de terrorismo pasaba a xurisdición militar", continuou Barxa, "onde non había maneira de que puidera intervir un avogado civil, despois no marco doutro procedemento conseguimos ese sumario e alí estaba todo claro"
Barxa apuntou que "alí estaba claro que tiña un pistola na man pero que non tirará ningunha bala. Aínda é máis a pistola tiña o seguro posto". Nesta dirección, explicou que a documentación dese sumario recollía que "Reboiras foi asasinado polas costas".
"Aconteceu nese época pero podía acontecer uns anos despois"
Miguel García, preso político independentista entre 2019 e 2023, apuntou que "estamos conmemorando o 50 aniversario do asasinato de Reboiras, algo que aconteceu nunha ditadura. Pero cometemos un erro se pensamos que aquilo só pasou porque había ditadura, porque estaba Franco. Aconteceu nese época pero podía acontecer uns anos despois como de feito pasou".
"Non creamos que o Estado español só reprime en ditadura", afirmou García, quen indicou que "a represión é consubstancial á propia existencia do Estado sempre que haxa unha ameaza á súa existencia a represión funciona como un resorte de autodefensa".