Que a planta creza sa e no seu rego
O franquismo depurou máis de dúas mil mestras e mestres republicanos nos concellos coruñeses e castigou unha cuarta parte deles. Foron expulsados, trasladadas ou suspendidos durante meses ou anos. Todo o corpo docente sufriu un proceso que empezou no 36 e continuou nos anos corenta. Unha tese doutoral explica o proceso de destrución da escola para instaurar un modelo “que educará as novas xeracións no tradicionalismo e no autoritarismo”. Eis un extracto da reportaxe publicada no Sermos Galiza 272.
“A Igrexa e o Exército eran as dúas grandes institucións do Estado e aos bispos non lles foi difícil identificar o núcleo do discurso militar co seu propio discurso”, explica García Díaz. “Decídese que a educación debe inculcar un forte espírito nacional mediante unha disciplina rigorosa e unha estrita moral católica nas aulas. Entón necesitan un profesorado que penetre ‘en los ricos y fecundos filones de la hispanidad, estudiando a fondo el alma de España’, e de inmediato empezan a depurar o corpo de docentes”.
[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 272, á venda na loxa e nos quiosques]