A patria galega desterrada: o 25 de Xullo no exilio

Castelao, a figura referencial do exilio galego

A Galiza de alén do mar mantivo a celebración do Día da Patria Galega ao longo dos corenta anos de ditadura franquista. A conmemoración desta data acadou unha especial significación naquelas repúblicas americanas onde a presenza galega era cualitativa e cuantitativamente máis importante. Destacaron os actos organizados na Arxentina, México, Uruguai e Venezuela. Ás vésperas dun novo 25 de xullo Sermos Galiza propón recuperar a súa memoria, ofrecendo unha panorámica das xornadas patrióticas organizadas polo nacionalismo exiliado. Eis un extracto da información publicada no número 305 de Sermos Galiza.

O golpe de estado fascista de xullo de 1936 tronzou toda posibilidade de actividade política pública na terra. Prohibida polo franquismo calquera manifestación de galeguidade, perseguidas sen contemplacións a lingua e cultura galegas, ilegalizadas as organizacións comprometidas coa restauración da nosa identidade nacional, encarcerados, exiliados ou mortos os seus cadros e militantes, a Galiza emancipada viuse obrigada ao desterro.

 

Se ben unha parte daqueles patriotas formados nas Irmandades da Fala e no Partido Galeguista mantiveron a celebración do 25 de Xullo na esfera privada ou clandestina, participando co tempo na misa de Rosalía en San Domingos de Bonaval, o centro de gravidade do noso día nacional e da actividade nacionalista pasará ás colectividades galegas do exterior. Non houbo recuncho da Galiza expatriada onde o 25 de Xullo deixara de conmemorarse, sinalándose os actos organizados naquelas repúblicas americanas de maior presenza galega.

 

O faro: A Arxentina

 

O núcleo arxentino operou como unha sorte de faro para o nacionalismo nas décadas que seguiron a sublevación fascista. O peso cualitativo e cuantitativo da comunidade emigrada, a propia fortaleza e tradición das formacións patrióticas con cadros prestos para a acción política e, sobre todo, a chegada de Daniel Castelao outorgáronlle unha referencialidade confirmada pola práctica política.

 

[Podes ler a información íntegra no número 305 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]