O Padre Nieto, outro verdugo en San Simón
“Fillos da Pasionaria. Dinamiteiros. Vós. Hai que queimarvos como se queimou aos xudeus”. Son palabras atribuídas a Petronilo Nieto, un xesuíta que se converteu no demo da terra para os presos da illa de San Simón.
Petronilo Nieto era un xesuíta de Vigo que nos anos da II República promoveu a caridade entre os humildes da cidade para afastalos da loita pola xustiza, conspirando contra réxime até o punto de liderar altercados coas autoridades locais á volta de 1933, colaborando con aquela factoría de reaccionarios agrupados na asociación Martín Codax arredor de Emilio Álvarez “O Reisiño” e que chegou a ser denunciado por outros sectores da propia igrexa aglutinados na revista Galicia Social polo “rabioso sectarismo que impide ao sacerdote entregar uns donativos destinados ao refuxio nocturno”. Era o verán de 1936, e como lembraba o comunista redondelán Manuel Barros, acudía ao frontón de Vigo para trasladar detidos ao campo de concentración de San Simón, “e alí o Padre Nieto deunos un discurso dicindo que na illa había que ir á misa. Que o que non fose a misa que llo dixera porque a el mesmo lle daba matar a un que a cen, sacando a pistola nese momento, porque dicía el canto máis mate, máis honores teño”.
[Podes ler a peza íntegra no número 311 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]