Os que mataron máis de 100
Resístense ao papel. Porén, os seus nomes ficaron gravados a ferro na memoria popular. O historiador Xosé Ramón Ermida Meilán, un dos coordinadores de Os nomes do terror. Galiza 1936: os verdugos que nunca existiron, o último libro editado por Sermos Galiza, ofrece unha panorámica sobre a crueldade nas accións de represión e castigo ás persoas demócratas. Eis un extracto da información publicada no Sermos Galiza 259.
A publicación do volume Os nomes do terror. Galiza 1936: os verdugos que nunca existiron, libro editado por Sermos Galiza e que achega por primeira vez unha perspectiva global dos verdugos, non só vai cubrir o baleiro historiográfico sobre o tema, senón que abre a porta para novas investigacións que segan a sacudir este ermo e introducir novas perspectivas nun tema que até agora, agás honrosas excepcións, estivo ausente do debate. A represión e os represores fan parte xa da nosa tradición oral, ao pé dos nosos contos máis clásicos, aqueles que falan de meigas, fadas e encantos, aparecen estoutros que reproducen unhas pautas para o conxunto de Galiza e que escapan da disciplina histórica. Ao longo e ancho do país xorden relatos que nos falan dun mesmo patrón de conduta para os verdugos, un mesmo xeito de morrer, sempre atormentados e lembrando as súas vítimas ou unhas características comúns para significar a súa crueldade. Sería logo necesario un achegamento ao tema desde o campo da antropoloxía.
[Podes ler a información íntegra no Sermos Galiza 259, en que publicamos un especial sobre o Día da Galiza Mártir. Xa na loxa e nos quiosques]