CAMILO DE DIOS, GUERRILLEIRO ANTIFRANQUISTA

“O movemento guerrilleiro non tería resistido tantos anos se non for polo apoio dos labregos”

Camilo na actualidade frente a súa casa en Sandiás [CRMH da Coruña]

Falamos con Camilo de Dios (Sandiás 1932), un supervivinte da guerrilla galega que esta sexta feira será homenaxeado pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, que o  nomeará Republicano de Honra. “O meu soño sigue sendo a república, a liberdade, a igualdade e a democracia”.

- Na sexta feira a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña noméao Republicano de Honra, en representación do movemento guerrilleiro galego. Que significa isto para vostede?
- Significa un grande honor que non merezo. Porque eu non fun máis que un número máis de todo aquilo, e quizais o máis insignificante de todos, pero xa que son un dos supervivintes, recíboo con moito cariño e moita emoción pensando en toda aquela xente que non puido chegar até aquí, que foi quedando polo camiño. E non soamente o movemento guerrilleiro, que non tería resistido tantos anos se non for polo apoio dos labregos, as súas mulleres, que nos facían a comida, que nos lavaban a roupa, que nos trataban con verdadeiro cariño, puntos de apoio, estafetas de correo e toda unha rede de enlaces e de cousas que grazas a ellas puidemos sobrevivir 10 anos. E todos eles son tan merecentes coma min ou os outros guerrilleiros de todas estas homenaxes. 

- Cre que estas cousas chegan demasiado tarde, que xa levamos case 40 anos de democracia?
- Eu fun homenaxeado polo Ateneo Republicano de Ourense xa hai anos, medalliñas xa me chegan, teño case tantas coma Millán Astray. 

- Vostede foi...
De ti por favor.

- Desculpe. Ti tiñas catro anos nada máis cando estalou a Guerra Civil. Teus pais eran do PCE e xa entraches na resistencia moi noviño. 
- Entrei como punto de apoio da guerrilla, pero unha vez comprometidos tivemos que escapar ao monte para non ser detidos, porque xa detiveran a outra xente. Optamos por esa liña, había tamén un chamamento do partido, as Juventudes Socialistas Unificadas (JSU), ás que pertenciamos, que se incorporaran á loita armada, cun feixe de promesas que non chegaron a fructificar. Dicían que os aliados nos ían axudar e así moitas cousas. E no 48 xa nos demos conta de que ninguén nos ía axudar e de que sós non iamos ser quen de tumbar o franquismo. Eramos conscientes diso, pero queriamos seguir mantendo esa luceciña de loitadores pola república para desestabilizar o réxime desde dentro, para ver se os vencedores nos botaron unha man, pero non houbo maneira. 

Eu creo que o mérito é de toda a xente que tiña ideas republicanas sen glorificar demasiado os partidos, porque alí había un montón de ideoloxías, todos xuntos, sen diferenzas, sen problemas políticos entre nós. Había unha unidade asombrosa e un cariño entre todos.

- A súa nai pertencía tamén á resistencia e a súa casa era un punto de apoio para a guerrilla. 
- Viñan comer os guerrilleiros, comprabámoslle roupa, facíanse enlaces coa cidade, coa organización do Partido, coa JSU, que non estabamos nós sós, que tamén había algún anarquista e algún socialista, que non tiñan organización e botaban a man e estaban con nós. Había mesmo algún home do nacionalismo galego, que eran enlaces, traballadores de fábricas de armas e botaban a man en todo. Eu creo que o mérito é de toda a xente que tiña ideas republicanas sen glorificar demasiado os partidos, porque alí había un montón de ideoloxías, todos xuntos, sen diferenzas, sen problemas políticos entre nós. Había unha unidade asombrosa e un cariño entre todos. Ogallá houbese iso hoxe. 

- Eu teño escoitado que había problemas entre o PCE e os demais. 
- Ben, hóuboos ao final. E para que non os houbera fixéronse dúas agrupacións en Ourense, unha mandada polos socialistas e outra polos comunistas. Os que non pertencían a ningún partido era optativo. E fíxose a federación de guerrillas e estaba comandada por un comunista e por un socialista, que era Marcelino Fernández Villanueva, e o comunista quizais Guillermo Morán. Pero non houbo problemas até o momento que se retiraron os socialistas no 48, é cando o PCE tivo que tomar as rendas de todo o que quedaba. 

- Ti a nivel persoal décheste conta no 48 que iso non tiña saído. 
- Si, tiñamos xuntanzas para ver que facer, porque os nosos enlaces foran caendo, tamén con Francia e quedamos illados no monte, e aquilo non tiña saída. Tratamos de saír por Portugal, despois por Madrid, porque a loita xa non tiña sentido. Franco xa trouxera os ingleses, os americanos estaban en Rota e Torrejón, e xa se sabía que non ían axudarnos. 

Sigo estando no PCE. Non encontro outro sitio máis cómodo nin que vaia mellor coas miñas ideas.

- De todas formas, continuaches na guerrilla até 1949, cando fuches detido. 
- Si, foi en marzo.

- Foi nunha batalla. 
Si, sempe era en batallas. Tivemos a sorte de que na provincia de Ourense só houbo un ou dous que se entregaron. Os outros caeron todos en batallas. 

- En 1950 matan ao teu irmán Perfecto e deteñen a túa nai, Carmen Fernández Seguín, con quen coincidiches na cadea. 
- Coincidimos en Alcalá de Henares, pero había un valo polo medio e nunca nos puidemos ver, non nos deixaron comunicarnos nunca. Alí botei cinco anos e logo andiven de turismo polas prisións, ella quedou alí e pasárona a outras, pero nunca pudiemos vernos até que eu saín. 

- En que ano saíches?
- No 58. 

- E como te insertaches na vida en liberdade?
- O partido facilitoume roupa para saír: un traxe, un chapeu, uns zapatos. Saín feito un dandy e buscáronme traballo en Madrid, pero logo trasladeime a Galiza porque a nosa casa estaba intervida, vendérona, venderon as terras, e a familia xuntou os cartos, comprouna nunha subhasta e entón víñenme facer cargo da casa a finais do 58. E logo estiven traballando, fun algo de viaxante...

- Sempre pertenceches ao PCE?
- Sempre, si, e sigo estando. Non encontro outro sitio máis cómodo nin que vaia mellor coas miñas ideas.

- A historia da túa nai, dos teus pais en xeral, é impresionante tamén. 
Os meus pais sufriron moito. Xa no 36 tiveron que fuxir a Portugal. Ela regresou pronto porque se buscaron amizades e tiña dous irmáns na fronteira, e puido regresar pronto, pero meu pai non regresou até o 40, xa moi maliño, e morreu pronto. 

- Do seu irmán Perfecto que nos podes contar?
Estivo sempre con miña nai na guerrilla de Estado Maior, onde se facía a propaganda, de onde saían as ordes. El era máis maior e estaba moito máis preparado ca min, eu nacín labrego e gustábame coma as toupeiras furgar na terra. El era máis de libros, era xefe da agrupación, comisario político, secretario do Partido, etc. 

- Tamén é un orgullo para vostede, que a súa nai é unha das principais mulleres da resistencia.
- Ela como guerrilleira non, non participou en nada, máis que en facer propaganda, facer cuartillas e preparalas. Pero -e non é porque fora miña nai´- foi moi valente.