O monumento aos Mártires de Carral: posíbel BIC a debater no Parlamento

Ofrenda ante o monumento aos mártires de Carral. (Foto: Concello de Carral)
A proposta non de lei feita polo grupo do Bloque Nacionalista Galego será tratada esta sexta feira na comisión de Cultura da cámara galega. A pretensión é que se recoñeza o valor deste patrimonio cultural e histórico dedicado á memoria dos fusilados en 1846 na vila.

A proposta do Bloque para declarar o monumento na memoria dos Mártires de Carral un Ben de Interese Cultural (BIC) chega mañá ao Parlamento. A comisión de Cultura será a encargada de debater esta proposta non de lei para estabelecer unha maior protección sobre o monumento pétreo que preside o centro da vila de Carral.

Os nacionalistas locais lembran que este legado na memoria dos fusilados en 1846 erixiuse en 1904 a iniciativa da asociación Cova Céltica da Coruña e da emigración galega en América.

Os coñecidos como “Mártires da Liberdade” representan, segundo o BNG, un “fito fundacional do galeguismo contemporáneo”.

Malia que semella un elemento do patrimonio relixioso non é así. O arquitecto Juan Álvarez Mendoza elixiu a forma de cruz e, curiosamente, esa escolla evitou que moitos anos despois o réxime franquista a tirara abaixo. Porén, na ditadura non foron posíbeis as homenaxes públicas.

De cara ao futuro, agárdase conseguir o apoio de todas as forzas representadas na Cámara galega polo “valor artístico, histórico e o sentido e dignidade do país”.

Así o sinala a deputada Mercedes Queixas, que insta a clase política galega a abrir “un punto e aparte na conservación e dignificación do mesmo e do significado e legado dos Mártires de Carral”.

Desde o BNG de Carral, Vitoria Louro, demandou unha maior implicación coa conservación deste monumento tanto por parte da Xunta como do resto de Administracións, comezando polo “Concello de Carral”.