AS PROTAGONISTAS, AS PERSOAS EXILIADAS “INVISíBEIS”

Memoria, dignidade e recoñecemento na Illa de San Simón

A Illa de San Simón acolleu, máis un ano, a homenaxe ás persoas vítimas e represaliadas a mans dos falanxistas e do terror nun acto en que as protagonistas foron as persoas exiliadas, as invisíbeis, carentes de relevancia política.

Pasaban das 11h cando perto de 400 persoas embarcaban cara á Illa de San Simón baixo un ceo que ameazaba con chuvia. Nada podía deslucir o acto da Iniciativa Galega pola Memoria –coordinadora nacional das entidades memorialísticas- que reclamaba verdade, xustiza e dignidade. Tanto tiñan as inclemencias do tempo para esas persoas que sufriron nas súas casas o terror. Entre estas, atopábanse hoxe as protagonistas desta homenaxe: as persoas exiliadas por razóns de supervivencia e ausencia de medios económicos.

As persoas exiliadas “invisíbeis” son aquelas que carecen de relevancia política. Son aquelas que, sen seren conscientes até non hai moitos anos, tiveron que partir de Galiza en busca dun futuro mellor. Estas persoas, anónimas na súa meirande parte, foron encarnadas hoxe na figura de Darío Rivas, un dos promotores da querela arxentina contra os crimes do franquismo, co que conversou Sermos Galiza. Na illa da memoria, Darío Rivas, presentado por Baldomero Iglesias “Mero”, reviviu a súa historia e a de tantos outros exiliados e exiliadas. O protagonista deste acto transmitiu a súa traxectoria vital, nomeadamente a historia do seu pai, Severino Rivas, alcalde de Castro de Rei asasinado a mans dos falanxistas en Portomarín cando levaba tres meses á fronte da Alcaldía.

Darío Rivas, promotor da querela arxentina contra os crimes do franquismo, aproveitou a intervención para cargar contra a xustiza española, da que dixo que non respectara a petición ao dereito de buscar a verdade, e agradeceu que as súas peticións puidesen ver a luz na Arxentina.

Fernando Souto: “Os represores queren unha folla en branco na que poder relatar a súa propia historia, por iso hai que convocar este tipo de actos”

A presentación do acto correu a cargo de Fernando Souto, presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, quen advertiu de que “o esquecemento é unha forma de represión”. “Os represores queren unha folla en branco na que poder relatar a súa propia historia e por iso a recuperación da nosa memoria é a razón pola que convocamos este acto nacional de homenaxe e dignificación das vítimas”, sinalou. Souto apelou á “verdade, xustiza, reparación e garantías de non repetición” e reivindicou o apoio da sociedade para logralo. Finalizou, apelando ás Irmandas da Fala, “polo que máis quero, prometo ser dos bos e xenerosos”.

Non faltou a música nunha xornada tan especial. Nesta ocasión, amenizou o roteiro pola illa o gaiteiro Raúl Galego e Zurrumalla encargouse das pezas musicais entre as intervencións. Á hora da ofrenda floral soou na Illa de San Simón o Himno do Antigo Reino de Galiza. Pechouse o acto coa interpretación do Himno nacional.