En cumprimento do informe Greiff da ONU

En Marea esixe ao Goberno a anulación do consello de guerra a Bóveda

O deputado de En Marea no Congreso Miguel Anxo Fernán Vello. Foto: cedida.

Na véspera do Día da Galiza Mártir, o deputado de En Marea no Congreso Miguel Anxo Fernán Vello vén de esixir ao Goberno español a anulación do consello de guerra a Alexandre Bóveda e “a súa rehabilitación de forma pública e política”.
 

Para Fernán Vello, “a reposición da memoria histórica ten que ir máis alá de sacar a Franco do Val dos Caídos”. Nesa liña, presentou unha serie de preguntas ao Executivo de Pedro Sánchez en que reclama a anulación do consello de guerra que levou ao fusilamento de Bóveda un 17 de agosto de hai 82 anos.

 

“En cumprimento da Lei de Memoria Histórica”, expón Fernán Vello, “o Goberno debe anular o consello de guerra e dar así conta das peticións do informe do Alto Comisionado da ONU para Promoción da Verdade, Xustiza, Reparación e Garantías de Non Repetición Pablo de Greiff”. Este documento, realizado en 2014, pedía “a nulidade das sentenzas” ditadas polos fascistas e que esta nulidade “beneficie a todas as vítimas sen distinción”.

 

En Marea, remata o deputado por Lugo da coalición de esquerdas, “insta ao Goberno socialista a non só promulgar declaracións de reparación e recoñecemento persoal, como ten feito o PP, senón a tomar a iniciativa e declarar a nulidade de todas as sentenzas de morte promulgadas polo exército fascista”.