Lolita Jaso: A memoria en clausura
Resgatamos, a través de imaxes, a figura de María Dolores Jaso Ramírez, sor María Ángeles, máis coñecida como Lolita Jaso, unha das persoas que mellor representou a ética sobre a represaliada cidade de Tui, onde nacera en 1923. Eis un extracto da peza publicada no número 350 do semanario en papel Sermos Galiza.
Para min, Lolita Jaso representou a ética sobre a represaliada cidade de Tui, vetusta e levítica; ela era o espello da súa culpa, a súa propia expiación. Para min, un tesouro agochado. O apelido Jaso é sinónimo de represión e morte en todo o Estado español, tamén de exilio e dignidade. Lolita Jaso Ramírez naceu no Tambre, en Tui, o 2 de xullo de 1923. Foi a segunda filla, despois de Josefita, do segundo matrimonio do seu pai; logo viñeron Luís, Carmen e Manolito (que morreron de meses), Ramonita, Lucita, a única que vive e en México, e Carmiña.
Formaban parte da familia a irmá Evangelina e o irmán Enriquito, a descendencia do primeiro matrimonio do pai que librou dunha tuberculose que lles matou a nai e tres dos seus irmáns; a mesma tuberculose que vai matar a Josefita con 17 anos.
Na fotografía, cun futuro prometedor da nova familia de Jaso, que se coñece, figuran os pais, Evangelina, Enriquito, Josefita e Lolita, sentada no colo da súa nai, con seis meses de idade. Noutra imaxe, o retratista púxolle unhas flores a unha Lolita de nove anos, onde resplandecen o seu tempo feliz de nena lista, prodixiosa memoria, un pouco traste, divertida, amante da música e dos libros e que facía gozar cando lía as outras raparigas na escoliña de dona Irene.
[Podes ler a peza íntegra no número 350 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]